A Deputación licita a construción da senda peonil no acceso á praia de Aguete en Marín
As obras inclúen a ampliación da superficie da EP-1205 e a dotación do itinerario peonil cun investimento de 230.840 €
24/04/2022
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o proceso de licitación para contratar as obras de mellora da mobilidade na EP-1205 de acceso á praia de Aguete, en Marín, que permitirán crear unha senda peonil para facilitar a entrada das persoas a este concorrido areal. O investimento da obra ascende a 230.840 euros, que serán financiados integramente pola institución provincial, xa que a aportación municipal do 30% da obra prevista no convenio asinado entre ambas administracións será financiada con cargo ao Plan Concellos 2022-2023. As empresas teñen de prazo ata o 12 de maio para a presentación de ofertas nesta licitación.
Os traballos comprenderán a ampliación da superficie do citado viario e a creación na marxe dereita da senda peonil, de 2,5 metros, separada da calzada mediante fitos. Amais, dotarase dunha beiravía de 50 centímetros de ancho na súa marxe esquerda e dunha cuneta de seguridade desta mesma anchura As obras completaranse coa dotación de sinalización horizontal e vertical.
O proxecto segue o modelo de mobilidade sostible e amable da Deputación ao transformar o tramo nun itinerario seguro. O acceso á praia de Aguete, moi concorrido sobre todo nos meses de verán, non dispón na actualidade de unha zona para a circulación peonil que garanta a seguridade das persoas usuarias, o que fai que as e os peóns se vexan obrigados a invadir a calzada para poder acceder á praia.