Unha vintena de participantes de catro países inician en Pontevedra o curso de Español para persoas inmigrantes

A Deputación facilita con esta acción formativa, que realiza co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, a obtención do diploma DELE A2 a persoas non hispanofalantes, indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española

19/06/2023

Inician en Pontevedra o curso de Español para persoas inmigrantes

Dezasete persoas de catro nacionalidades veñen de iniciar este luns, 19 de xuño, en Pontevedra a terceira e última acción formativa da sétima edición dos cursos de español para persoas inmigrantes que promove a Deputación xunto ao Centro de Linguas da Universidade de Vigo e que se desenvolverá no Edificio Administrativo ata o 12 de xullo. A deputada en funcións de Cohesión Social, Olga García, acudiu ao arranque desta actividade formativa gratuíta que ten por obxectivo que as e os participantes superen as probas do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, un título indispensable para que logo poidan solicitar a nacionalidade española. Deste xeito, a través desta iniciativa a Deputación busca facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.

As persoas participantes neste terceiro curso, despois de que a pasada semana rematasen os dous celebrados en Vigo aos que asistiron 33 estudantes, proceden de Marrocos (7), Brasil (6), Ucraína (2) e Ghana (2).  Os cursos, que teñen 40 horas de duración, están dirixidos a persoas inmigrantes maiores de 16 anos que se atopan en situación regular en España, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española. 

A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para rendibilizar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. Ao finalizar as tres edicións, o alumnado dos cursos poderá presentarse ao exame do DELE A2 levado a cabo polo Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 8 de setembro.

Galerias de imagenes