As oficinas e turismo de Cuntis e Caldas ofrecerán unha experiencia interactiva ás persoas visitantes da man do Tourist Inside

A Deputación de Pontevedra impulsa a dixitalización das oficinas da Rede Info Rías Baixas con pantallas informativas e “beacons” e adapta a súa oferta ás persoas con diversidade funcional coa instalación de impresoras braille e bucles magnéticos

19/08/2022

Oficina de turismo de Cuntis

As persoas que se acheguen ao punto de información turística de Cuntis ou á oficina de turismo de Caldas vivirán unha experiencia interactiva na que as novas tecnoloxías farán que o seu paso por Pontevedra provincia sexa máis enriquecedor. Así o constatou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, quen acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González, visitou estes lugares nos que o proxecto Tourist Inside, promovido pola Deputación de Pontevedra e con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, suporá un punto e aparte no xeito de entender a oferta turística. Coa colocación de pantallas dixitais, balizas electrónicas ou unha impresora braille a institución provincial mudará o clásico modelo de atención a persoas visitantes de cara a un novo no que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades.

No que concirne ao punto de información de Cuntis o proxecto Tourist Inside permitirá a colocación dun tótem no seu exterior e dunha pantalla de 55 polgadas no interior. Ambos soportes servirán para ofrecer información turística de interese do destino Pontevedra provincia. A dixitalización deste punto de información completarase coa instalación dunha tableta para a realización de enquisas de satisfacción así como de 14 “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

A oficina de Caldas contará con dous tótems -un no seu interior e outro na zona exterior- así como cunha pantalla, tamén de 55 polgadas, onde se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia. A estancia contará ademais cunha tableta para que as persoas visitantes realicen enquisas de satisfacción. Esta oficina adaptarase tamén ás demandas das persoas con diversidade funcional xa que contará cunha impresora braille, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, e cun bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello. Ademais, instalaranse 13 “beacons”.

Ambas oficinas contan coa “Q” de Calidade turística, a de Cuntis acadou este fito o ano pasado mentres que a de Caldas fíxoo fai tres anos. Este distintivo é outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que as converte en referentes na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

2.600 visitantes no que vai de ano
O punto de información turística de Cuntis e a Oficina de Caldas sumaron 2.600 persoas visitantes no que vai de ano. Ambas están adheridas á Rede Info Rías Baixas, un modelo de éxito que conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.