A Deputación remite ao Concello de Cangas o convenio para a mellora da mobilidade peonil na estrada que comunica a Madalena con Herbello

No proxecto, xa redactado e acordado co Concello, investiranse 1,3 millóns para transformar un treito de 1,8 km dotándoo dunha senda peonil e da renovación da capa de rodamento

15/03/2023

Remisión convenio estrada a Madalena-Herbello en Cangas

A Deputación de Pontevedra cumpre os seus compromisos coa cidadanía de Cangas e vén xa de remitir ao Concello o convenio para facer fronte ás obras da mellora da mobilidade peonil da EP-1002 que comunica A Madalena con Herbello. En total, ambas as dúas administracións investirán un total de 1,3 millóns de euros (a Deputación máis dun millón de euros, o 80% do orzamento, e o Concello 270.000 €, o 20% restante) para actuar nun treito de máis de 1,8 quilómetros desta estrada provincial co obxecto de dotala de espazos para o tránsito sostible. A Deputación xa ten o orzamento comprometido e o proxecto redactado, e o seguinte paso será que o órgano colexiado do Concello aprobe o convenio para poder dar os seguintes pasos e comezar os traballos. A Deputación agradeceu o esforzo e a colaboración cidadá xa que para a execución do proxecto era necesaria a cesión de terreos dun total de 57 parcelas afectadas. Todas xa foron xestionadas e obtidas por parte do Concello.

A mellora integral da EP-1002 comeza co tramo da Magdalena por ser o ámbito máis habitado e porque conta con equipamentos como o centro de ensino secundario. A estrada na actualidade presenta un deseño pensado única e exclusivamente para os vehículos, polo que o tránsito a pé non conta coas condicións necesarias de seguridade. Así, construirase unha senda peonil na marxe esquerda da vía cun ancho mínimo de 2,50 metros e, nas zonas onde o ancho non o permite, zonas de convivencia con preferencia para as persoas. Tamén se renovará a capa de rodamento e limitarase a velocidade a 30 km/h, coa finalidade de contribuír a unha economía baixa en carbono coa redución de emisións de CO2, xa que fomenta o uso de formas limpas de transporte.

En canto aos servizos, trasladaranse os postes das liñas aéreas de alumeado público, electricidade e telefonía coincidentes coa senda para deixar o tránsito completamente libre de obstáculos. Ademais, executarase a obra para unha futura renovación e soterrado das canalizacións destas tres redes. Do mesmo xeito, renovarase practicamente por completo a canalización da drenaxe de auga para adaptar a rede á nova configuración da estrada.

A mellora da mobilidade peonil na estrada entre a Magdalena e Herbello súmase ás xa acometidas anteriormente en Cangas, como as da estrada do Viso ao Hío ou as de acceso á praia de Nerga: un investimento nunca visto nas infraestruturas provinciais nesta vila do Morrazo. Con esta actuación a Deputación segue espallando o seu modelo de infraestruturas sostibles, seguras e amables por toda a trama de estradas provinciais da provincia. Deste xeito foméntase a mellora da calidade de vida nesta contorna rural de Cangas ao mellorar as posibilidades de comunicación sostible. Ademais, as obras tamén van permitir mellorar a vinculación e a conexión da vía cos espazos da súa contorna, tendo en conta a crecente actividade turística. De feito, nas proximidades do trazado deste tramo da estrada sucédense importantes elementos patrimoniais como o petróglifo de Pinal do Rei, o núcleo da Porteliña, o castro de Laxe de Chan e os gravados rupestres de Castelo e O Lago, todos eles na parroquia de Darbo, e tamén é unha zona de turismo de natureza ou sendeirismo.