A Deputación presenta en Valencia as claves do seu modelo de mobilidade sostible na actividade turística no III Congreso Mundial de Destinos Intelixentes
A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, explicou as boas prácticas que a institución provincial lidera e que a converten en referente cunha mobilidade centrada nas persoas e nos Plans de Sostibilidade Turística
23/11/2022
A Deputación mostrou músculo este mércores no III Congreso Mundial de Destinos Turísticos Intelixentes, celebrado en Valencia, onde mostrou as claves do seu modelo de mobilidade sostible na actividade turística. A deputada Ana Laura Iglesias expuxo as boas prácticas que a institución provincial está liderando e que a converten en referente e os retos de futuro en canto á mobilidade sostible. Fíxoo na mesa de debate moderada por May López, directora de desenvolvemento de Empresas por la Movilidad Sostenible, na que tamén se deron cita o director de Relacións Institucionais de ALSA, Ignacio Pérez-Carasa, a Head of International Business Development E-gap.com, Mafalda Borea, e a directora de Marketing de Lyon Tourism Bureau, Camille Lenoble.
A deputada remarcou que no Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 tense abordado a mobilidade turística na provincia de Pontevedra co obxectivo de situar ás persoas no centro do espazo público, apostando pola accesibilidade, as sendas e itinerarios de mobilidade peonil e alternativo, e a creación de infraestruturas e equipamentos para reducir a carga de CO2 nos recursos con presión turística como son as praias, os grandes monumentos ou determinados espazos naturais. Ademais explicou que a institución provincial, no marco das súas competencias, está a despregar un ambicioso plan en todas as estradas provinciais que transcorren por espazos urbanos ou de interese turístico para gañar espazo para a mobilidade alternativa, que garanta a seguridade viaria, e implantar a eficiencia enerxética en todo o relacionado coa iluminación e sinalización.
Xunto á actuación nas estradas, a deputada sinalou tamén os Plans de Sostibilidade Turística en destino que contemplan accións para a mobilidade sostible como parte da oferta turística, creando infraestruturas precisas como o sistema de alugueiro de bicicletas nas comarcas de Deza e Terra de Montes, para poder acceder aos espazos e sendas naturais da súa contorna, ou un centro BTT nas comarcas do Condado e da Paradanta, para percorrer o Río Miño e Tea con transporte sostible.
En canto aos retos, a deputada provincial fixo fincapé na progresiva implantación do vehículo eléctrico e na fenda dixital nos territorios máis despoboados, aínda que amosou o seu optimismo poñendo o foco nos fondos Next Generation como excelentes oportunidades para impulsar a necesaria transformación verde, que pasa tamén por unha mobilidade sostible. Ana Laura Iglesias asegurou que é preciso que as administracións públicas e axentes privados sexan máis proactivos e busquen colaboración pública-privada para avanzar nestes retos. Neste eido, situou como práctica exemplar a iniciativa de compra pública innovadora lanzada pola Deputación, centrada nas infraestruturas sostibles e no desenvolvemento de solucións innovadoras.