A Deputación de Pontevedra reivindica o seu activismo na captación de fondos europeos para os concellos e reclama que a Xunta se poña do lado do mundo local

Carmela Silva participa na illa da Palma na Comisión de Gobernos provinciais da FEMP destacando o avance da provincia en políticas sociais e na redución da “brecha dixital”

01/07/2022

COMISIÓN GOBERNOS PROVINCIAIS FEMP NA PALMA

O papel central que as entidades locais deben xogar na recuperación económica a través da xestión directa “e con visión cercana” dos fondos europeos focalizou o debate na xuntanza que Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrou na illa canaria da Palma. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo en valor o impulso da Deputación pontevedresa para axudar aos concellos da provincia a aproveitar a oportunidade histórica que supón a chegada a España dos fondos europeos, que xa se está a traducir en actuacións concretas. Ao tempo, advertiu do freo que supón a falta de cogobernanza entre a Xunta e os concellos galegos. Unha disfunción que contrasta co reparto directo e fluído de fondos europeos aos concellos por parte do Goberno de España.

A presidenta aplaudiu o xesto de solidariedade que supón a celebración desta xuntanza da Comisión de Gobernos Provinciais na illa da Palma, o que permitiu “vivir en primeira persoa” a destrución causada pola erupción do Cumbre Vieja a finais do ano pasado e o intercambio de opinión con autoridades locais. No marco destes contactos, Carmela Silva puido conversar co director do Plan de Emerxencias Volcánicas (Pevolca), Miguel Ángel Morcuende.

Galicia recibiu 1.316 millóns de euros

Diante do foro de Gobernos provinciais da FEMP a presidenta da Deputación volveu lembrar que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis transferencias de fondos europeos está a recibir dende o Estado. Ata o pasado mes de xuño xa tiñan chegado 1.316 millóns de euros sumando o Plan de Recuperación e o React-EU. Unha cifra inxente de recursos sobre cuxo nivel de execución e destino existe unha total opacidade por parte da Xunta. Por tanto, reclamou  que, ao igual que existe a cogobernanza entre o nivel estatal e autonómico e os repartos se deciden en conferencias sectoriais, a inxección europea que está a chegar a Galicia flúa tamén en dirección aos concellos dun xeito regrado e transparente. Non obstante, botando  man dos datos oficiais sobre o nivel de execución dos 1.546 millóns de euros dos fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e Social (FSE) xestionados directamente polo Executivo galego durante o período 2014-2020, amosouse preocupada. A propia Consellería de Economía e Facenda admitiu que a Xunta quedou nun 48,5% nos FEDER e nun 74,8% no FSE. Especialmente grave, engadiu, foi o escasísimo 35% de execución os FEDER destinados á protección do Medio Ambiente cando hai centos de concellos que seguen sen saneamento integral.

As reticencias da Xunta a colaborar cos concellos para o gasto dos fondos europeos contrastan coa actitude do Goberno de España. Un informe debatido hoxe na Comisión de Gobernos provinciais detalla que serán 15.000 millóns  de euros os que se repartirán entre as entidades locais para o período entre 2021 e 2023. “É a primeira vez que un Goberno do Estado conta tanto cos concellos para xestionar os fondos que chegan de Bruxelas”, remarcou Carmela Silva, quen insistiu. En canto ao papel da Deputación de Pontevedra remarcou os 15,3 millóns mobilizados a través de subvencións do  IDAE, que beneficiaron ou van beneficiar a 55 concellos en actuacións de mobilidade sostible e eficiencia enerxética, os 140.000 euros en axudas directas para que os concellos presenten proxectos ao Plan europeo de Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) ou os programas europeos despregados pola Deputación no territorio en materia turística e de desenvolvemento empresarial.

Carmela Silva abundou no empeño da Deputación de Pontevedra para a posta en marcha de políticas sociais innovadoras e a redución da “brecha dixital”, especialmente no territorio rural, aproveitando as distintas convocatorias de fondos europeos. Detallou programas como SmartPeme, que xa leva xa seis anos ocupándose da transformación dixital das pequenas e medianas empresas da provincia, os programas de capacitación dixital para maiores no rural, de igualdade e gobernanza compartida coas mulleres rurais ou a teleasistencia  avanzada, que incorpora prestacións como sensores de caídas, detectores de monóxido de carbono e de inundacións ou control remoto, son boas mostras disto.

No eido das políticas sociais, a titular da Deputación de Pontevedra criticou a ausencia sobre o territorio do Goberno galego, que desiste de exercer as súas competencias, ata o punto de que un recente informe da Asociación de Directores/as de Servizos Sociais, sitúa a Galicia como a comunidade autónoma que menos inviste en Dependencia, a pesar do constante incremento das achegas estatais, superando así, progresivamente, o importante déficit dos recortes nos 8 anos de Goberno Rajoy. As Deputacións, ao igual que os concellos, explicou, vense obrigadas a asumir servizos e prestacións que non son da súa competencia, como é o caso do Centro de menores Príncipe Felipe. O mesmo cabe dicir do infrafinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos. Neste senso, volveu reclamar que a FEMP sexa contundente na esixencia de que as comunidades asuman as súas competencias ou, no caso contrario, transfiran os recurso necesarios.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.