A Deputación remata o proxecto para asesorar aos concellos da provincia na implantación e xestión de colonias felinas
A institución provincial remite aos concellos unha guía e a estimación dos custos para que poidan desenvolver estas colonias, coas que dar cumprimento ao estipulado na nova lei de Protección dos Dereitos e Benestar dos Animais
22/06/2023
A Deputación de Pontevedra culmina o proceso do anunciado proxecto para asesorar e facilitar aos concellos na implantación dun plan de xestión de colonias felinas coas que atender aos gatos sen propietario/a que viven na rúa. A institución vén de comunicar aos municipios da provincia esta iniciativa nunha carta informativa, xunto á que lles achega a nova guía que ten elaborado para a implantación destas colonias a través do método CER (captura/esterilización/retorno) e un informe sobre a estimación dos custos que a súa posta en marcha pode supoñer. Amais, ponse a disposición dos gobernos locais para realizar un plan adaptado ás particularidades de cada concello.
A implantación de colonias para a xestión de gatos comunitarios está contemplada como posibilidade na actual lei de benestar animal de Galicia, pero coa futura entrada en vigor da nova normativa estatal (Lei 7/2023 de 28 de marzo) sobre protección dos dereitos e benestar animal, os municipios deberán adoptar esta fórmula para atender aos animais que estean nesta situación. Con esta iniciativa, a Deputación busca facilitar esta tarefa aos concellos e a nova guía aporta toda a información necesaria sobre a xestión destas colonias, figura coa que se denomina a un grupo de gatos que viven en estado de liberdade ou semiliberdade, que non poden ser abordados ou mantidos con facilidade polas persoas debido ao seu baixo ou nulo grao de socialización, pero que desenvolven a súa vida ao redor destas para a súa subsistencia.
A guía elaborada pola institución provincial aborda a xestión destas colonias, con datos sobre as condicións para desenvolver o método CER (permisos, dotación de medios humanos e materiais, forma de captura e esterilización, identificación dos animais e condicións de retorno entre outras cuestións), así como recomendacións para alimentación, limpeza e desinfección e a fórmula de seguimento e vixilancia da colonia. Tamén ofrece asesoramento sobre a formación de persoas voluntarias para colaborar no programa, a xestión veterinaria das colonias e a información que precisa coñecer a veciñanza.
Amais, a Deputación ofrece aos municipios a posibilidade de recibir asesoramento para a elaboración dun plan adaptado as súas particularidades. Para iso deberán presentar por rexistro unha pequena memoria onde expliquen a súa problemática respecto da poboación de animais felinos e a xustificación de optar a esta colaboración. As solicitudes serán tramitadas por orde de entrada no rexistro provincial e atendidas en función da dispoñibilidade de medios persoais e materiais. Lémbrase tamén aos concellos que neste momento está aberta unha liña de axudas para afrontar este tipo de gastos convocada pola Subsecretaría de Dereitos Sociais e Axenda 2030, cuxa solicitude se pode realizar ata o 23 de xullo. Para optar a estas subvencións é necesario ter implantado ou aprobado un programa de xestión ética de colonias felinas.
Xestión de colonias
Segundo se expón na guía, o CER é o método de xestión que inclúe a captura, esterilización e retorno dos gatos comunitarios a través de medios non lesivos para os animais. Entre os seus principais beneficios figura a baixa da prevalencia das enfermidades infecciosas, a mellora da calidade e cantidade da alimentación e o feito de que a zona de alimentación estará limpa e hixienizada. As femias deixarán de sufrir a tensión ao non ser sexualmente activas e diminuirá o crecemento exponencial da poboación. Amais, cita que segundo algúns estudos, con taxas de esterilización do 75% dos e das integrantes da colonia, esta estabilízase co paso do tempo. Mesmo hai algún caso documentado que co 90% dos integrantes esterilizados, diminúe o número de individuos que conforman a colonia de forma progresiva. Tamén se evitan pelexas, agresións e feridas entre os machos xa que ao estar esterilizados e non ser sexualmente activos, non percorren tanta distancia en procura de parella, polo que diminúe a posibilidade de accidentes e atropelos.
Amais das vantaxes que ofrece para os animais, o establecemento de colonias controladas ofrece vantaxes para a veciñanza, entre eles a redución ou eliminación dos problemas ocasionados por gatos non esterilizados, como a superpoboación felina, malos cheiros, ruídos por pelexas e por miañar; a redución de casos de gatos mortos por enfermidades e atropelos, e a mellora das condicións de seguridade e saúde pública. Tamén axuda ao control da proliferación doutras especies, como roedores e insectos, xa que os gatos son o método máis eficaz, natural, ecolóxico e económico de equilibrio de poboacións, e permiten a redución da presenza de persoas alimentadoras non autorizadas na zona, reducíndose o lixo e os malos cheiros por alimentos en descomposición. Por último, a guía cita a mellora das condicións naturais e paisaxísticas da localidade, xa que unha colonia de gatos en bo estado proporciona atractivo visual e entretemento a todo tipo de veciños e visitantes.