Luis López salienta a Escola de Futuras Gandeiras e Gandeiros como exemplo do “extraordinario labor” da Finca Mouriscade na posta en valor do sector

A terceira edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiras e Gandeiros tivo lugar entre o 1 e o 5 de setembro e contou coa participación de 18 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos que aprenderon a coidar, alimentar, muxir, domar e preparar para os concursos as vacas leiteiras de raza frisoa desta explotación gandeira

05/09/2023

Gandeiras e Gandeiros da Finca Mouriscade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, realizou este martes a súa primeira visita á Finca Mouriscade de Lalín para participar no acto de clausura da terceira edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros e Gandeiras. Unha actividade que se levou a cabo entre o 1 e o 5 de setembro e no que participaron 18 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

Ao longo das cinco xornadas de curso, as e os participantes aprenderon a manexar as vacas leiteiras de raza frisoa que sitúan a Finca Mouriscade como unha das 25 mellores ganderías de España. As persoas asistentes, procedentes de concellos das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, perfeccionaron tamén as súas habilidades á hora de domar os tenreiros, muxir as vacas ou preparar os animais para os concursos.

O presidente provincial aplaudiu a iniciativa porque “moitos ven o medio rural como unha reliquia que hai que conservar. Pero non. O medio rural é futuro, é o motor económico de comarcas como a nosa, a de Deza; e é do que máis axuda a fixar poboación no rural”, defendeu Luis López.

O mandatario tamén tivo tempo para coñecer e compartir confidencias coas persoas participantes no curso, que sorprenderon ao presidente polo seu amplo coñecemento sobre o funcionamento das granxas, algo que tampouco lle é alleo. “Eu son fillo de gandeiro e coidei unhas cantas vacas”, recordou durante a súa intervención, na que estivo acompañado polo deputado de Reto Demográfico, Jorge Cubela.

Despois de percorrer as instalacións, “que por proximidade xeográfica, son de Rodeiro, xa coñecía”, Luís López quixo recoñecer tamén o “extraordinario labor” que desempeñan os máis de trinta profesionais que traballan nesta instalación. A elas e eles aseguroulles que “a nova Corporación da Deputación vai estar a apoiar o seu traballo”.

A terceira edición desta escola de futuras e futuros gandeiros que organiza a Federación Frisona Galega en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros e a Deputación de Pontevedra organizouse co obxectivo de atender a ampla demanda que tivera a segunda edición, que tivo lugar no mes de xullo nestas instalacións. Daquela pechárase a matrícula con 30 participantes e as e os que quedaron en lista de agarda puideron completar a formación neste mes de setembro.

O acto de clausura constou dunha visita institucional ás instalacións do laboratorio e de gandería da Finca, así como unha exhibición de doma de tenreiros por parte do alumnado que participou na segunda edición desta escola. O acto rematou cunha entrega de agasallos e diplomas ás rapazas e aos rapaces que completaron a terceira edición da Escola de Iniciación de Futuras Gandeiras e Gandeiros.

Medio século da compra da Finca Mouriscade por parte da Deputación

Situada na parroquia lalinense de Vilanova, a Finca Mouriscade pasou a mans da Deputación de Pontevedra hai agora cincuenta anos. Foi no ano 1973, despois de que un estudo encargado pola entidade provincial concluíra que as explotacións gandeiras da provincia carecían de animais de alta calidade.

Coa posta en marcha do laboratorio no ano 1990, a investigación e a innovación neste eido pasou a ser o sinal de identidade da Finca Mouriscade. Tanto é así, que recentemente a gandería desta instalación logrou situarse entre as 25 mellores de España

Ademais, a Finca Mouriscade é unha referencia internacional polo seus sistema de mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, que selecciona os mellores exemplares do mundo da raza frisoa para que nazan a se críen en explotacións da provincia de Pontevedra.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.