Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira premios #MulleresNoFoco2022 na gala da Deputación

Baño de masas para as mulleres do cinema galego con case 500 persoas en Pontevedra nun espectacular evento ao mellor estilo cinematográfico, cheo de humor, animación e reivindicación feminista

30/09/2022

Gala Mulleres no Foco  

Nin Marilyn Monroe quixo perderse hoxe a gala da II edición dos premios Mulleres no Foco  da Deputación e CIMA. Ao máis puro estilo cinematográfico, o auditorio de Afundación en Pontevedra engalanouse coa tradicional alfombra vermella, luminarias vintage ao estilo dos primeiros tempos do cinema, e encheu o seu ambiente coa música das mellores películas para albergar este evento que ateigou o patio de butacas, con case 500 persoas de toda Galicia. Todo para recoñecer o talento e a traxectoria das tres galardoadas deste ano, Chelo Loureiro, Paula Cons, e Lucía Catoira, así como das restantes 14 nominadas. Representantes do sector audiovisual e dos ámbitos da cultura, da política, da igualdade, medios de comunicación e da empresa déronse cita nesta gala, na que brillou a música de Sés e que tivo tamén carácter reivindicativo coas intervencións de Carmela Silva e da realizadora Inés París , da Asociación de Mulleres Cineastas CIMA. "Esta gala -subliñou a presidenta provincial- é de recoñecemento ao talento das mulleres do audiovisual. Pero e moito máis; é un acto de amor á cultura e á igualdade, os dous conceptos que maior poder teñen de transformación cara a unha sociedade máis xusta, máis digna e máis decente".

"Somos fortes, estamos de pé e no centro. Somos poderosas, somos únicas, somos a metade do mundo". Tras esta rotunda declaración, a presidenta provincial enxalzou a traxectoria das tres premiadas, destacando "a mestría e traxectoria" da realizadora e produtora Chelo Loureiro, gañadora de dous premios Goya e activista polo recoñecemento das mulleres no audiovisual; "o traballo infatigable e o talento" de Paula Cons, xornalista, documentalista e directora; e "a mirada comprometida desde a cámara" da directora de fotografía Lucía Catoira. As tres recibiron os seus premios de mans de Carmela Silva, deMarta Villar, representante de CIMA en Galicia, e de Pilar Alonso, a artista que deseñou os galardóns, que representan un vangardista carrete de cine.

Previamente, as e os asistentes á Gala tiveron unha singular benvida a cargo de Sarao Animación e as súas tres personaxes que ambientaron o photocall, unha delas ataviada cun vestido que se mimetizaba coa longa alfombra vermella, así como polo saxofonista que interpretou pezas de coñecidas películas, mentres unha pantalla amosaba a conta atrás para o inicio do evento.

Singular foi tamén a presentación da gala a cargo das actrices Arantxa Treus e Mónica Sueiro, que despois "reviviron" no Auditorio a Marilyn Monroe e Clara Campoamor, que protagonizaron hilarantes diálogos cargados de recoñecemento e reivindicación para ambas figuras. Precisamente sobre o legado "destas dúas mulleres da historia, tan distintas e tan iguais", falou Carmela Silva. Por unha banda, Marilyn, "una muller do cinema explotada como icona sexual que ela nunca aceptou, vítima dunha ditadura estética e machista, pero cun compromiso descoñecido para a xente". E, por outra, Clara Campoamor, "que se levantou desde a política contra unha sociedade escura, machista, muller á que debemos tanto". A presidenta tamén reivindicou: "Cen anos despois estamos preocupadas, moito, -engadiu- coa onda involucionista que vivimos en Europa, no mundo, onde os dereitos da muller volven estar en risco con voces que seguramente emularían a incomprensión que tanto fixo sufrir a Clara Campoamor e ás mulleres do seu tempo".

As gañadoras e o resto das 17 candidatas subiron ao escenario, decorado tamén en cor vermello e adornado con camelias, onde Inés París e Carmela Silva lles entregaron como agasallo a figura coa citada flor deseñada pola artista Ana Tenorio. Elas sonManane Rodríguez Rodríguez,Jaione Camborda Coll, Xisela Franco Costas, María Isabel Martínez Martínez, Pilar Comesaña Amado, Micaela Sinde Stompel, Araceli Gonda Cabrera, Tatiana Rodríguez Vázquez, Beatriz Legerén Lago , Andrea Vázquez García,Natividad Juncal Portas,Lucía Estévez González,Adriana Pérez Villanueva e Belén Montero Rodríguez.

"Non hai no Estado uns premios de cinema e do audiovisual como estes, con tanto compromiso e, por que non dicilo, con tantos recursos", engadiu Carmela Silva, que falou da "revolución cultural" que están a protagonizar as mulleres "con nomes, que a pesar dos obstáculos, son cada vez máis visibles". "Así que amais de celebrar e de sorrir, reivindiquemos. Hoxe facémolo para as mulleres do cinema e do audiovisual cunha gala que si, é de homenaxe e recoñecemento ao talento das mulleres, de visibilización dos seus nomes e da súa obra, e de reivindicación do noso espazo en todos os eidos". A presidenta quixo agradecer de xeito especial o compromiso da cidadanía coa súa asistencia a este evento "dunha forma tan masiva". "Isto demostra que neste camiño da igualdade, aínda que longo e duro, estamos a dar pasos que fai uns anos serían impensables", subliñou. Rematou coa lectura dun poema da autora guatemalteca Guisela López sobre a marcha pola vida das mulleres "transformando a realidade" para concluír que "fagamos que siga resoando a nosa voz".

Pola súa banda, a realizadora Inés París, primeira presidenta de CIMA, (que agrupa a 300 mulleres do audiovisual español) lembrou no seu discurso a importancia dos premios, que xa desde a antiga Grecia, onde as coroas de loureiro "nunca cinxiron unha fronte feminina", historicamente teñen vedado ás mulleres, excepto en casos como "os concursos de beleza e maternidade". "Premios non, castigos si. E é unha faena, porque son un ritual de celebración moi importante -afirmou-: dan acceso a espazos de prestixio, fan historia, crean memoria e as veces teñen unha dotación económica, como estes, e sempre dan moita alegría a quen os recibe". "Por iso en CIMA -engadiu felicitando ás gañadoras- estamos tan contentas con este premio que se ten creado grazas ao empeño de Carmela Silva, e que recoñece o talento, o traballo e o éxito das creadoras do audiovisual de Galicia. Amais este no a dotación subiu tanto como a electricidade".

O broche da gala estivo a cargo da cantante Sés, que interpretou os temas "Espiña sen rosa" e "A paz esquiva" e deu paso a un concorrido ágape no hall do auditorio pontevedrés.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.