Alumnado de Tui asistirá o mércores a unha charla sobre actividade metalúrxica e contaminación atmosférica dende a prehistoria da man da Deputación e o INCIPIT

A conferencia da arqueóloga medioambiental Noemí Silva-Sánchez é unha das actividades incluídas no convenio de colaboración entre ambas institucións para difundir, protexer e fomentar os bens patrimoniais

19/03/2023

Este vindeiro mércores 22 de marzo un grupo de 100 alumnas e alumnos do IES San Paio de Tui asistirá a unha das conferencias incluídas no marco do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o CSIC-INCIPIT para a difusión, a protección e o fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia de Pontevedra. A charla, no propio centro educativo, será impartida por Noemí Silva-Sánchez e centrarase na contaminación atmosférica por actividades mineiro-metalúrxicas prehistóricas e antigas rexistrada en turbeiras de Galicia e outras áreas do continente europeo. Silva-Sánchez é arqueóloga medioambiental especializada en Xeoquímica e Palinoloxía (disciplina da botánica dedicada ao estudo do pole e as esporas).

A actividade está incluída nun calendario máis amplo de conferencias, co que o coñecemento científico chega a un total de seis centros de ensino e outros dous espazos públicos da provincia. O ciclo comezou o pasado venres 10 de marzo coa conferencia “Arqueoloxía dunha aldea abandonada: As paredes vellas de Silvaescura”, a cargo de Cristina Incio del Río no IES Chano Piñeiro (Forcarei). A ela seguiulle, o 15 de marzo, a actividade “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe... ou non tanto” no IES de Coruxo (Vigo) para o alumnado de 2º bacharelato, impartida por César Parcero.

Tralo paso polo IES San Paio de Tui, as conferencias continuarán o 11 de abril ás 18:00 horas na sede da Deputación en Vigo, co título “Baixo terra: Investigando os conflitos do pasado contemporáneo” e a cargo de Laura Muñoz Encinar. A ela seguiralle, o 13 de abril, a conferencia de César Parcero “Vivindo no deserto 1000 anos atrás”, á que asistirán 40 alumnas e alumnos do segundo ciclo da ESO do IES Pazo da Mercé (As Neves). A continuación, o 17 de abril, será a quenda de “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” a cargo de Carlos Otero Vilariño para 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Vilalonga (Sanxenxo). O 9 de maio falarase sobre “Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro” nunha conferencia impartida por María G. Faro a 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Poio, e finalmente o ciclo rematará no mes de xuño cun relatorio a cargo de Xosé-Lois Armada no Pazo de Liñares (Lalín) sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos”.

O convenio entre Deputación e CSIC-INCIPIT, valorado en 270.000 euros, ten tres liñas primordiais de actuación. Ás charlas e conferencias súmanselle intervencións en oito espazos de interese arqueolóxico da provincia. Este ano actúase na Illa de San Sadurniño (Cambados), nas Torres de Oeste (Catoira), en Castrolandín (Cuntis) e nos Chozos do Alén (Fornelos), mentres que en 2024 farase no Castro de Garellas (Forcarei), nos Petróglifos de Gargamala (Mondariz), no Cano dos Mouros (Oia) e en Castro Alobre (Vilagarcía). O convenio inclúe tamén a recuperación de materiais recuperados das escavacións realizadas entre 2006 e 2007 no Castro de Bendoiro (Lalín) para a súa exposición no Pazo de Liñares.