A evolución das células e os tumores pechan as charlas abertas ao público do IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos

O ciclo que promoven a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias chega ao seu fin na modalidade de conferencias abertas á cidadanía con este webinario que impartirá o catedrático en Xenética David Posada. As inscricións están abertas en www.depo.gal

13/06/2023

“A evolución das nosas células e por que se producen os tumores” é o título do seminario web do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e que impartirá o vindeiro xoves 15 de xuño David Posada González, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. Con este webinario, que terá lugar ás 19 horas e para o que está aberto a inscrición en www.depo.gal, péchanse as conferencias abertas á cidadanía en xeral desta edición do programa.

Posada afondará no corpo humano, resultado de múltiples rondas de replicación a partir dunha única célula inicial. Explicará que durante o desenvolvemento as persoas humanas acumulan millóns de mutacións a medida que as células se dividen e diferencian. Tamén que durante este proceso, algunhas das mutacións alteran a función de xenes fundamentais que controlan a proliferación, a diferenciación e a morte celular, o que orixina unha multiplicación anómala tumoral que ocasiona o cancro. O catedrático informará sobre a evolución dos tumores dentro do corpo, similar ás poboacións de organismos naturais para competir polos recursos e adaptarse ao medio que lles rodea, e detallará de que xeito o estudo evolutivo do cancro ten axudado a entender mellor e a combater a enfermidade.

Co Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, a institución provincial e a RAGC convidan a cidadanía a achegarse ás ciencias e ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como axudante do desenvolvemento socioeconómico. O programa abrangue un total de 13 conferencias, por unha banda oito webinarios dirixidos á cidadanía en xeral que se pechan este xoves e, pola outra, cinco conferencias presenciais en centros educativos, das que xa se celebraron dúas, nos IES Illa de Ons (Bueu) e María Soliño (Cangas), tratando temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica.