A Deputación conmemora o centenario do nacemento de Mariví Villaverde coa reedición do seu libro ‘Tres tempos e a esperanza’ e a estrea dunha peza audiovisual

A escritora vilagarciá é unha das principais referentes do país na recuperación da memoria histórica do exilio

21/11/2022

A Deputación vai conmemorar o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, escritora vilagarciá e referente da recuperación da memoria histórica do exilio, coa reedición do seu libro ‘Tres tempos e a esperanza’ e estrea dunha peza audiovisual sobre a súa traxectoria. A efeméride celébrase mañá 22 de novembro, mais o acto de presentación da publicación e da curta documental será o venres 2 de decembro ás seis da tarde no Pazo Provincial en Pontevedra.

Con esta xornada de homenaxe, o departamento de Memoria Histórica que dirixe María Ortega pretende poñer luz sobre unha figura central no coñecemento dos anos da represión no exilio. Segundo lembra a nacionalista, tendo apenas 15 anos, María Victoria Villaverde Otero ‘Mariví’  viuse obrigada a exiliarse, primeiro a Burdeos e logo a Bos Aires, polo perigo que corría o seu pai Elpidio Villaverde –deputado no verán do 36 e ex alcalde- tras a toma do goberno civil de Pontevedra por parte dos golpistas. O propio Villaverde, que chegou a formar parte do Consello de Galiza que presidiu Castelao, e Mariví e a súa parella, Ramón de Valenzuela, loitaron desde o exilio polas liberdades e os dereitos políticos, culturais e lingüísticos da Galiza.

Xa en democracia, Mariví foi unha fervente loitadora en prol da memoria das vítimas do 36. A súa autobiografía ‘Tres tempos e a esperanza’, na que recollía entre outros sucesos a rapa das súas tías por parte dos falanxistas, foi pioneira na denuncia da represión franquista, incluíndo nomeadamente a represión contra as mulleres.

O texto, publicado no exilio arxentino en español, foi reeditado en 2002 por A Nosa Terra baixo a tradución ao galego de Anxos Sumai - autora do limiar nesta reedición da Deputación-. Tras a desaparición da editorial o libro é actualmente practicamente imposible de conseguir, perdéndose un dos principais testemuños realizados en primeira persoa por unha galega exiliada. Por iso, e dentro da política de recuperación da memoria con perspectiva de xénero que vén realizando o departamento de Memoria, na Deputación tomouse a decisión de sacar á rúa unha nova impresión de 1.500 exemplares de ‘Tres tempos e a esperanza’.

Segundo explica María Ortega, preténdese así  achegar o relato “emotivo e imprescindible” de Mariví Villaverde a toda a poboación, nomeadamente á xente moza, a través do reparto entre as bibliotecas municipais e os centros de ensino da provincia.

Ademais, con ‘Tres tempos e a esperanza’, a Deputación pretende inaugurar unha colección de publicacións que recollerán, do puño e letra das vítimas, o acontecido durante o franquismo, na que se irán publicando outras memorias escritas polas vítimas en primeira persoa.

O acto do vindeiro venres 2 de decembro (18h) contará ademais coa proxección dunha curta documental que rescata a biografía e a loita pola memoria realizada por Mariví Villaverde.  O departamento de Memoria Histórica provincial apostou por encomendar o traballo a rapazas novas - está dirixida por Coral e Laura Piñeiro, da asociación Memoria e Cinema, responsable da cinta ‘Dores’- e unha narrativa distinta para intentar achegar a Mariví ao público de menor idade, máis afastado aínda que a poboación adulta do legado da memoria.

Galerias de imagenes