A Deputación participa no acto organizado no Ateneo de Madrid para conmemorar o centenario da estrea de “La Cabeza del Bautista”

11/04/2025

A Deputación de Pontevedra participou no acto organizado no Ateneo de Madrid para conmemorar o centenario da estrea de “La Cabeza del Bautista”, a obra de Ramón María del Valle-Inclán que puxo Cipriano Rivas Cherif sobre o escenario en Sevilla en 1925. Durante o acto, aproveitouse a ocasión para presentar a cuarta edición do Festivalle, así como para celebrar os 25 anos da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e os 50 números da revista Cuadrante.

“En definitiva –remarcou a deputada provincial Nava Castro en Madrid- celebramos a xenialidade de Valle-Inclán, un dos grandes da literatura española, figura que serviu de exemplo e inspiración para moitos escritores e artistas e que é un motivo de orgullo para todos os habitantes da provincia de Pontevedra”. Para Castro, “Valle-Inclán é unha figura fundamental da nosa historia e por iso, desde administracións como a Deputación de Pontevedra queremos contribuír a promover e apoiar a súa figura e o seu legado, brillante, diverso e creativo, que nos referencia no mundo”.