“Canteira de Igualdade” arranca na sede da Deputación en Vigo

Carmela Silva participou no inicio desta formación específica na que participan máis de 30 mozas e mozos facendo un canto para que a xente máis nova se incorpore “á loita máis xusta que existe que non é outra que a da igualdade”

28/01/2023

Canteira de igualdade

“O futuro escríbese coa palabra igualdade, son optimista e sei que sodes imprescindibles porque podedes cambiar o mundo”. Con estas palabras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu hoxe na sede provincial en Vigo o tiro de saída á segunda edición de “Canteira de Igualdade”, a formación coa que nas próximas semanas una trintena de mozas e mozos do ensino secundario da provincia, o 82% mulleres e o 18% homes, aprenderán, avaliarán e reflectirán sobre conceptos de xénero, patriarcado, androcentrismo, sexismo, machismo, violencia ou linguaxe sexista, para converterse en axentes activos de igualdade e feminismo, crear canteira e impulsar o cambio, “a loita máis xusta e fermosa que existe para poder ser unha sociedade decente, inclusiva e máis feliz”, como sinalou a presidenta provincial. Durante todos os sábados de febreiro, marzo e ata mediados de abril, oito mulleres “moi potentes, referentes, especialistas nestas materias e formadas” como Priscila Retamozo, Luisa Abad, Chis Oliveira, Amada Traba, Silvia Pérez, Cristina Louzán, Mónica Baleirón e Lola Varela guiarán esta actividade de 50 horas, 40 de formación presencial e 10 de traballo práctico orientado,  coordinado e avaliado. Canteira de Igualdade complementa a formación que a Deputación xa ten desenvolvido en institutos de Baiona, Cangas, O Grove, As Neves, Redondela, Salvaterra e Vigo no último trimestre de 2022 e na que participaron máis de 400 mozas e mozos da provincia.

Carmela Silva aplaudiu a iniciativa e ás súas autoras, as mulleres que van desenvolver a formación, “unha extraordinaria idea que é tamén un berro de sororidade da metade do mundo, un programa ben pensado e que xurde do feminismo, o proxecto filosófico más potente nunca creado porque pretende que toda a sociedade teña igualdade para que elas poidan construír a súa vida sen ten que rachar cun montón de dificultades para acadar aquelo que nos corresponde que é a metade de todo”. A presidenta agradeceu por elo ao profesorado a creación destes espazos interxeneracionais e “temos que facer un recoñecemento especial ao mundo da educación cun compromiso tan forte coa igualdade como o teñen ás mulleres que están aquí hoxe”.

Carmela Silva subliñou tamén a presenza de rapaces nesta formación. “Encántame porque vos necesitamos, que os nenos se sumen a esta loita pola igualdade”, e animou ás mozas. “Somos herdeiras doutras mulleres que loitaron por esta causa e ver a xente tan nova aquí dá moita esperanza”, engadeu. “Todas e todos tiñamos estereotipos pola educación que recibimos pero temos que reeducarnos con formación, con educación, con compromiso, amais de escoitar ás que saben como son as mulleres que van guiar esta actividade, con intelixencia e con coñecemento”.

Na formación destas semanas, mozas e mozos tamén falarán de socialización diferencial, coidados, dependencia e submisión, feminidade tradicional, masculinidade hexemónica e masculinidades alternativas, división sexual do traballo, corresponsabilidade, sexualidade, corpo e tiranía da beleza, pracer feminino e desexo, diversidade, amor, uso consciente das redes sociais, ciberdelitos, relacións virtuais, abuso na rede, pornografía, prostitución, mito da libre elección e feminismo e a súa historia como motor de transformación. Todo elo enmarcado en módulos con títulos tan chamativos como“Nin barbies, nin malotes”, A división sexual do traballo”, “Sex education: o corpo e a sexualidade”, “Paracetamor para benamar: a división sexual do amor”, “Redes sociais”, “O lado máis escuro: cultura da violación, pornografía e prostitución” e “Historia do feminismo”.

ALGUNHAS IDEAS

  • O feminismo ten conseguido moitos avances para as mulleres pero certo é que o camiño é lento. Non podemos esquecer que foi no século XIX cando aquelas mulleres pioneiras do primeiro feminismo esixían liberdades, dereitos, igualdade xurídica para todas as persoas que aínda hoxe o patriarcado está a cuestionar e a poñer en dúbida.
  • Tense avanzado moito. Creamos un marco normativo para rachar coa dominación patriarcal, pero non podemos esquecer que estamos a falar dunha cuestión estrutural e temos que dar un paso máis, temos que centrarnos na escola e na formación.
  • O pasado martes, 24 de xaneiro, celebramos o Día da Educación. A ONU proclama esta celebración para concienciar sobre “o papel que a educación desempeña na creación de sociedades sostibles e suficientes”. Un dos maiores retos aos que se enfronta o noso sistema educativo é a implantación da coeducación. E é que coeducar é traballar para que nenas e nenos se desenvolvan integralmente, con todas as súas capacidades e eliminando as barreiras relativas ao sexo e roles de xénero. É construír un mundo libre de violencias machistas, cheo de valores e libre de falas crenzas e estereotipos.
  • Pero, para iso, para que sexa efectiva, precisamos formar ao profesorado en cuestións que, con frecuencia descoñece. Temos que poñer acento nelas e neles para acadar unha verdadeira transformación social
  • O proceso non é inmediato, é lento, e non podemos seguir permitindo que as mozas e mozos que veñen por diante medren coas crenzas patriarcais. Por iso estades hoxe aquí…
  • Precisamos que desaprendades para que aprendades a identificar os sesgos e a cuestionar os modelos sociais que existen ao noso arredor. Precisamos darvos ferramentas para borrar por completo as desigualdades e transformar realmente a sociedade.
  • O futuro está nas vosas mans e isto é, precisamente, o que pretendemos conseguir con esta formación enmarcada en “Canteira de Igualdade”. Queremos que todas e todos vós recibades coñecementos que vos permitan mirar o mundo doutro xeito, con gafas violetas que transformarán a sociedade. 

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.