Dez nenas e nenos de Ucraína chegan este sábado ao Centro Príncipe Felipe no primeiro campamento de verán

As sete rapazas e tres rapaces, de 9 a 11 anos e procedentes da cidade de Pervomaiske, pasarán un mes nas instalacións da Deputación, desde a que realizarán actividades de ocio e de coñecemento da cultura e do territorio

29/06/2023

Dez menores ucraínos, nenas e nenos de entre 9 e 11 anos, participarán desde este vindeiro sábado, 1 de xullo, e ata o día 31 no primeiro dos dous campamentos de verán, un en xullo e outro en agosto, que a Deputación de Pontevedra pon en marcha ao abeiro da iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Os campamentos teñen o obxectivo de apoiar ás nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra.

Estas sete rapazas e tres rapaces, que proveñen da cidade de Pervomaiske (con máis de 60.000 habitantes), moi próxima á zona de conflito e que xa se veu afectada pola crise do 2015, estarán durante o vindeiro mes nunha contorna segura na que descansar, compartir momentos de ocio e adquirir novos coñecementos.  O grupo, que vén acompañado dun adulto experto en traballo social, residirá nun espazo dentro do Centro Príncipe Felipe preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional. Contarán con servizo médico, atención psicolóxica e un servizo de tradución e prevese que neste mes de estancia poidan coñecer a cultura e o territorio da provincia de Pontevedra.

Ao longo das catro semanas, realizarán actividades de tempo libre en torno a valores universais como a convivencia, o coidado do medio ambiente e a igualdade, e tamén de coñecemento lingüístico. Entre elas figuran saídas a contornas como A Lanzada, Lapamán, Cabo Home, Combarro ou as cidades de Vigo e Santiago de Compostela, amais da participación noutros iniciativas que desenvolverán nas propias instalacións de Príncipe Felipe, tanto de ocio como de benestar e hábitos saudables.