Luis López pecha as rutas BTT da Deputación con preto de 150 persoas que se darán cita na serra do Candán, en Forcarei

O presidente participará na terceira e derradeira actividade desta edición de “Depo_rutas BTT”, coas que a institución provincial promove o ciclismo de montaña

28/10/2023

Preto de 150 persoas daranse cita este domingo 29 de outubro na serra do Candán para clausurar a actual edición de “Depo_rutas BTT” promovidas pola Deputación de Pontevedra. O presidente provincial, Luis López, participará en Forcarei na xornada de peche deste programa co que a institución promove hábitos saudables a través da práctica deportiva e do contacto coa natureza.

A actividade comezará este domingo, ás 10:00 horas, con saída na igrexa de San Mamede de Millerada, que será tamén o punto de chegada ao tratarse dunha ruta circular. As persoas participantes farán un percorrido de preto de 25 quilómetros, integramente no termo municipal de Forcarei e dentro da serra do Candán, un espazo natural con amplas pradarías e carballeiras. Ao longo do trazado observaranse panorámicas da serra e haberá un avituallamento na metade do percorrido e tamén no final da ruta. A actividade ten unha dificultade media e alcanza unha altitude máxima de 1.000 metros; será obrigatorio empregar o casco en todo momento.

Entre os meses de agosto e outubro a Deputación de Pontevedra ofreceu, a través do programa “Depo_rutas BTT”, percorridos ciclistas polos montes da provincia nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade natural, ecolóxica e patrimonial da provincia. Cada actividade tiña un máximo de 200 prazas e tiveron lugar, ademais de na serra do Candán, na Costa da Soavela (Cangas, o 27 de agosto) e no concello de Mondariz (o 24 de setembro). Esta edición do programa saldouse coa participación de máis de 450 persoas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.