A Deputación reparte 120.000 euros de axudas para a dinamización do galego entre 62 entidades sen fins de lucro da provincia
A deputada María Ortega manifesta a súa satifacción pola alta participación do movemento asociativo para poñer en valor a lingua
13/07/2022
Un total de 62 entidades sen ánimo de lucro veñen de ver aprobadas as axudas do departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, , que neste ano ascenden a 120.000 euros, para realizar actividades de dinamización do galego na provincia de Pontevedra. A responsable provincial de Lingua, María Ortega, manifestou a súa satisfacción polo alta concorrencia e interese das entidades en fomentar actividades de dinamización lingüística, xa que dixo, “resultan cruciais para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos”.
Segundo Ortega, é importante que o tecido asociativo que está a carón da veciñanza, incremente a presenza do galego en todos os contextos “para desmontar os prexuízos e acabar con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego que aínda permanecen nalgúns sectores”.
Para repartir os fondos provinciais de maneira máis ampla, explicou a nacionalista, a subvención para entidades culturais sen fins de lucro non poderá superar o 75 % do orzamento das actividades, e, como máximo, a axuda chegará aos tres mil cincocentos euros (3.500,00 €).
En concreto, recibiron as achegas provinciais na comarca de Pontevedra tres colectivos do concello de Pontevedra, dous de Poio, e outro de Ponte Caldelas. Amais, no resto da provincia foron beneficiarias 22 entidades da comarca de Vigo, outras 11 da comarca do Morrazo, seis na comarca do Salnés, tres no Condado-Paradanta e sete no Deza; unha en comarca de Caldas, catro no Baixo Miño e catro no Val Miñor.
As axudas para a dinamización do galego pretenden impulsar e fomentar o uso do idioma en todos os ámbitos sociais da provincia mediante o apoio a actividades de entidades sen fin de lucro. As bases destas axudas, que se conceden de maneira diferenciada aos concellos por terceiro ano consecutivo, incluíron certas modificacións para enfocar correctamente o obxectivo das axudas. Así, estableceuse que poden ser obxecto de financiamento accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creacións audiovisuais e literarias e feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), actividades relacionadas coa sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística ou xornadas e publicacións de recuperación da toponimia), iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria (como xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega), recoñecementos e distincións (como actividades literarias, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego), obradoiros orientados a reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza ou producións de materiais en galego (documentación permanente, creativa ou publicitaria; revistas en papel e en formato electrónico, vocabularios, manuais e recursos para o lecer, xogos en galego, páxinas web e outros) que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.
Neste exercicio 2022 quedaron fóra das axudas provinciais doce entidades solicitantes, entre outros motivos por non seren posibles beneficiarias segundo os criterios fixados, por solicitar axudas para eventos non subvencionables, así como tamén por desestimento das solicitudes iniciais.