A Deputación xa ten as bases e os fondos para o seu plan de axudas complementarias polas inundacións e segue á espera de que a Xunta “faga o seu traballo”

A Administración provincial envía unha carta informativa aos concellos reiterando a súa colaboración nun ámbito no que carece de competencias

09/02/2023

Os alcaldes e alcaldesas da provincia veñen de recibir unha carta da Deputación na que se lles informa de que que os servizos técnicos da Deputación xa ten elaboradas as bases do plan provincial de axudas complementario polas inundacións a causa da vaga de temporais dos pasados mes de decembro e xaneiro. Ademais, a Administración provincial xa dispón dos fondos necesarios. Nunha carta que vén de remitir aos alcaldes e alcaldesas da provincia informa de que a Deputación está tan só pendente de que a Xunta aprobe a declaración de Emerxencia de Interese Galego e o correspondente Decreto das axudas autonómicas, en exercicio das competencias exclusivas da Lei de Emerxencias de Galicia.

Na misiva, asinada polo deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda, Carlos Font, invítase aos concellos a “tomar as medidas oportunas” “diante da inacción da Administración autonómica, que non só ten as competencias, senón a obriga legal de poñer en marcha a declaración de emerxencia galega e o Decreto de axudas que a súa propia Lei de Emerxencias de Galicia sinala”. “Estamos pendentes de que a Xunta delimite os concellos afectados polas últimas inundacións, segundo o establecido no acordo do Consello da Xunta do 31 de marzo de 2010 polo que se establecen as directrices básicas de actuación para restablecer os servizos esenciais afectados a consecuencia dunha catástrofe ou calamidade, así como para protexer a integridade das persoas e bens de titularidade pública ou privada e os danos causados por estas situacións”, todo elo tamén en desenvolvemento da Lei de Emerxencias de Galicia.

O Pleno da Deputación alcanzou un acordo unánime o pasado 27 de xaneiro, co voto a favor do PP, que foi comunicado por carta de inmediato ao presidente galego, Alfonso Rueda. A día de hoxe non hai resposta. A moción, que saíu adiante co apoio de todos os grupos provinciais, contempla en primeiro lugar instar á Xunta a aplicar a Lei de Emerxencias, declarando a Emerxencia de Interese Galego e aprobando o Decreto que contemple o ámbito dos concellos afectados. En segundo lugar, instar á Xunta para que emita informe sobre os danos rexistrados nas catro provincias galegas e solicite ao Goberno do Estado a aprobación da declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencia de Protección Civil, de acordo coa Lei Estatal do Sistema de Protección Civil. En terceiro e último lugar, a Deputación comprometeuse directamente a aprobar un plan complementario de axudas, que xa  ten elaborado, unha vez que a Xunta, no ámbito das súas competencias exclusivas, cumpra co que lle corresponde.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.