A Deputación aumenta un 75% a contía das axudas a concellos para crear e potenciar os servizos de normalización lingüística municipais

As subvencións deste 2023 chegan ata os 35.000 euros para os municipios que impulsen novos departamentos de Lingua locais e ata os 25.000 euros para mantemento e reforzo dos xa existentes

01/02/2023

María Ortega

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, vén de aprobar as subvencións deste 2023 para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais na provincia. A principal novidade é o aumento das contías, que pasan dos 20.000 aos 35.000 euros para os municipios que impulsen novos departamentos de Lingua, e dos 16.000 aos 25.000 para as entidades que potencien os xa existentes. O montante total a repartir ascende a 200.0000 euros.

Esta nova inxección de fondos provinciais para potenciar a lingua galega débese, segundo a deputada responsable da área de Lingua, María Ortega, a que é necesario que as administracións locais consoliden o uso do galego como principal lingua de traballo e de comunicación coa veciñanza. Segundo subliña, é fundamental, ademais, que a potenciación da lingua do país se promova de maneira constante e non só a través de fitos ou eventos e campañas puntuais por efemérides do calendario.

As bases das subvencións para este 2023 publicaranse mañá xoves no BOPPO, polo que todos os concellos que pretendan crear ou potenciar (con máis persoal ou incrementando a xornada laboral) os seus SNL contarán con inxección de fondos provinciais en breve. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación.

As contías das subvencións chegarán ata 35.000 euros por concello no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100% do custe do persoal a xornada completa, e só o 80% no caso de mantemento. Como compromiso principal, as entidades solicitantes comprométense a ter en activo o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.

En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollan a esta convocatoria, tanto internas como externas, serán asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.

No pasado exercicio (2022) solicitaron a axuda 6 concellos da provincia, concedéndose un total de 120.000 euros.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.