Arrancan as visitas teatralizadas de Nadal ao castelo de Soutomaior coas 300 prazas esgotadas

Un video mapping e un xogo de escapismo completan a oferta de actividades deseñada pola Deputación de Pontevedra para o Nadal no castelo de Soutomaior

05/12/2023

Nadal no castelo de Soutomaior

Este mércores 6 de decembro comezan as visitas teatralizadas de Nadal ao castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas. Ofertáronse en total 300 prazas para estas visitas que permiten achegarse á historia do castelo dun xeito divertido e ameno, entre o mércores e o domingo 10 de decembro. Ademais desta actividade, este ano súmanse dúas grandes novidades á programación de Nadal da Deputación no castelo de Soutomaior: un espectáculo de video mapping e un xogo de escapismo.

O video mapping consiste, tal e como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, nun espectáculo gratuíto de luz e son proxectado na torre da homenaxe do castelo. Terá unha duración de seis minutos e haberá pases continuos desde o atardecer ata as 21:00 horas. A cidadanía interesada en gozar desta actividade poderao facer entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, xa que coinciden coas datas de peche do castelo de Soutomaior.

No que respecta ao xogo de escapismo, aberto a maiores de 8 anos, trátase de vivir en primeira persoa o asedio ao castelo de Soutomaior; para iso, tal e como informou Luis López, as e os participantes, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que, en grupos, superar probas coa axuda de pistas para axudar a Pedro Madruga a parar os Irmandiños. A actividade, para a que xa se pode adquirir entrada en www.castelodesoutomaior.com,  terá lugar os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro, con seis pases ao día desde as 11:00 ata as 14:00 horas e desde as 16:00 ás 19:00 horas.