Arrancan as obras da Deputación para impulsar a transformación integral da estrada do Vao en Vigo

A Deputación destina 256.000 € para actuar na totalidade da estrada, de 1,6 km de lonxitude, mellorando a súa accesibilidade peonil maila súa seguridade viaria

25/05/2023

O Vao

A Deputación vén de iniciar este xoves as obras de mellora das interseccións e acondicionamento na contorna da estrada do Vao (EP-2003), en Vigo. As obras suporán a transformación integral desta infraestrutura provincial para adaptala por completo ao modelo de infraestruturas amables, seguras e sostibles. Os traballos foron adxudicados por un importe de 256.000 euros, afectarán o total do trazado da vía, de 1,6 quilómetros de lonxitude, e teñen unha duración prevista de arredor de catro meses.

En concreto, a actuación consistirá na mellora da accesibilidade peonil e a seguridade viaria da estrada. Redistribuirase o espazo para garantir a prioridade peonil, mellorarase o pavimento das beirarrúas, adecuaranse as interseccións con outras vías mediante pavimento táctil, e tamén as interseccións con elementos singulares como a fonte e o lavadoiro presentes ao longo do seu trazado. As obras tamén inclúen a creación de novas zonas de descanso, que se dotarán de novo mobiliario e a plantación de árbores de sombra como cereixos en flor ou similares.

Na estrada do Vao tamén se executarán novos pasos peonís para asegurar a plena continuidade e seguridade na estrada, e mellorarase a capacidade e accesibilidade do espazo peonil próximo aos servizos da zona (como a Oficina Municipal do Distrito, os comercios, o Colexio Divino Salvador ou o centro de saúde, entre outros). Do mesmo xeito, renovaranse os rasantes e os pavimentos, executaranse alcorques transitables, pintaranse as columnas de alumeado público, retranquearanse os postes, mellorarase a regulación dos semáforos e renovarase a sinalización para adaptala á nova ordenación da estrada.

Galerias de imagenes