Conecta Lab, o laboratorio creativo da Deputación e de crea, bota a andar na Illa de San Simón
Sete creadores e creadoras audiovisuais terán a oportunidade de traballar nos seus proxectos acompañados/as por titores e titoras especializadas, ademais de asistir a encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas
10/04/2023
O laboratorio creativo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos Conecta Lab, promovido pola Deputación de Pontevedra e CREA e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Next Generation, abre as súas portas na Illa de San Simón. Entre mañá e o 20 de abril, Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, Irene Pin e Dani Viqueira, os e as cineastas seleccionados/as, traballarán en cadanseus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar en aspectos artísticos e narrativos.
A Illa de San Simón é o elemento central deste laboratorio de ideas e a localización na que se desenvolverá a maior parte da actividade de Conecta Lab, que empapará da súa enerxía e historia a cada unha das persoas que participan. Este espazo será tamén escenario dunha serie de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas co obxectivo de xerar espazos de comunicación entre creadores e creadoras, formular temas de debate ou abordar aspectos innovadores da creación audiovisual. Así, os e as participantes recibirán clases maxistrais de man de Álvaro Vega, Óliver Laxe, Carlos Marqués-Marcet, Pablo Martí ou Íciar Bollaín. Todas as sesións son abertas ao público a través de webminar, sendo as impartidas por Álvaro Vega (martes 11 de abril, 20.00 h), Oliver Laxe (venres 14 de abril, 20.00 h), Carlos Marqués-Marcet (domingo 16 de abril, 20.00 h) e Pablo Martí (luns 17 de abril, 19.30 h) online con inscrición previa na web www.crea.gal. A sesión a cargo de Icíar Bollaín, o sábado 15 de abril ás 18.00 horas, será presencial, de acceso libre, e terá lugar no Museo MARCO de Vigo.
Tamén haberá outras actividades nas que participarán algúns dos nomes máis influentes dos últimos anos do audiovisual a nivel internacional, como Celia Rico, Laura Sarmiento, Alex Rodrigo, Álvaro Gago, Marjorie Bendeck, Enrique Lojo e Paula Cons. Ademais, tamén se estreitarán lazos con Portugal a través do encontro Cinema Arraino, no que haberá unha charla con André Guiomar, Luís Costa e Mafalda Rebelo sobre o cine no país luso e as conexións con Galicia, así como unha proxección da película “Fogo Fatuo” e un coloquio co seu director, João Pedro Rodrígues. O programa complétase cun roteiro para coñecer localizacións da ría de Vigo de man da Vigo Film Office ou unha mesa redonda sobre miradas de xénero no cinema, entre outras actividades.
Os proxectos seleccionados
En total, son 6 os proxectos que formarán parte desta primeira edición da residencia en San Simón, seleccionados por un xurado formado por expertos e expertas do sector. Iria Sobrado (Carballiño, 1979), que desenvolverá a longametraxe de ficción “Aquagym”, na que fai unha oda á sororidade na vellez, pois é a busca da identidade de seis mulleres camiño dos setenta anos, unha vez liberadas da carga dos coidados, que ven na súa monitora, máis nova e aparentemente libre, o espello no que mirarse. Alexandre Cancelo (Vigo, 1978) traballará nun proxecto de longametraxe de ficción que xoga co documental que nos lembra que “todos os camiños conducen a Grimsey”, unha pequena illa a 40 quilómetros e a parte habitada máis ao norte de Islandia.
Pola súa banda, Nacho Ozores (Lugo, 1995) desenvolverá “La idea de un hijo”, unha longametraxe de ficción na que narra a vida de Iván, un actor sen traballo que non quere ter fillos, mais a súa parella si quere ser nai. En “Normal”, de Lidia Fraga (Oleiros, 1976) e Jacobo Díaz (O Sabiñao, 1980), unha nai enfróntase á dúbida de que o seu fillo sexa un psicópata, debaténdose entre o amor que sinte cara el e o medo a que faga dano a alguén, incluída a ela mesma. “Terás que saltar”, de Irene Pin (Lugo, 1995) é unha longametraxe de ficción que conta a historia de coming of age de Eli, unha moza de 22 anos que terá que debaterse entre perseguir o seu sono e aceptar unha bolsa para ir estudar cine a Lisboa ou quedarse coa súa vida normal en Compostela. Por último, Dani Viqueira (A Coruña, 1983) desenvolverá a longametraxe de ficción “Invisibles”, que foi o proxecto seleccionado durante a súa a participación na xornada Conecta+, un thriller fantástico de terror psicolóxico no que, cando es invisible, a ninguén lle importa o que te pase.