Areeiro vén de recoller tres exemplares do insecto Scaphoideus titanus, vector dunha grave enfermidade que pode levar á morte das vides

O insecto tense detectado en Galicia dende o ano 2007 pero non a enfermidade polo que estanse a analizar os exemplares recollidos para ver se portan ou non a patoloxía

26/07/2022

Primeiros Scaphoideus titanus  

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de recoller os tres primeiros exemplares adultos da especie Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, grave patoloxía de corentena, que pode levar á morte das vides. Este cicadelido tiña sido xa detectado en Galicia dende o ano 2007 pero, polo de agora, non a enfermidade. Deste xeito Areeiro informa no seu aviso fitosanitario que estanse a analizar os exemplares recollidos para ver se portan ou non a patoloxía que está xa a afectar a vides do norte de Portugal.

O Scaphoideus titanus é un insecto cicadelido de orixe americana cuxa planta hóspede, en Europa, é a vide. Aínda que o insecto en si mesmo non causa danos directos sobre o cultivo ten unha grande importancia por ser o vector do fitoplasma responsable da flavescencia dourada. Entre os síntomas desta enfermidade, que se pode transmitir por propagación, atópanse o decaemento dos pampos, que se volven flexibles, como de goma; manchas, normalmente delimitadas polos nervios, de cor avermellada nas follas das variedades tintas e amarelas nas de variedades brancas; e follas duras, quebradizas e curvadas cara o envés, que poden adquirir unha disposición en forma de tella.

Por outra banda, Areeiro tamén recomenda revisar as partes altas das parras, onde os funxicidas ante mildio penetrantes ou de contacto que se empregan agora non chegan. Tamén non descoidar a vixilancia ante o oídio e black rot, para intervir a tempo en caso de que aparezan síntomas. O tempo maioritariamente estable destes días seguiu favorecendo a aparición de acios con síntomas degolpe de sol e plantas con síntomas deestrés hídrico. Xa en canto ao estado fenolóxico da viña, Areeiro adianta que a insolación e temperaturas elevadas está a favorecer que empece a observarse o brillo en grans dalgunhas variedades moi temperás e plantas situadas en zonas e exposicións cálidas.

Nesta época do ano o centro dependente da Deputación informa que poden manifestarse os síntomas do mal de chumbo, patoloxía causada polo fungo Chondrostereum purpureum en froiteiras de óso. Trátase dunha enfermidade moi grave, polo que Areeiro aconsella eliminar as ramas afectadas e destruílas, para reducir o nivel de inóculo, e protexer os cortes cunha pasta funxicida. A mesma recomendación é aplicable ás maceiras con ramas afectadas de cancro ou ás viñas con enfermidades de madeira cando estas afecten a un brazo.

Ademais, observáronse defoliacións severas causadas pola eiruga da bolboreta do buxo, polo que Areeiro recomenda aplicar con boa presión os tratamentos e mollar moi ben as plantas para un bo control desta praga. Tamén se capturaron adultos da mosca da casca verde da noz, polo que aconsella instalar trampas para reducir a súa poboación e retirar os froitos que caian prematuramente ao solo, para evitar que as larvas se enterren e transformen en novos adultos. No que respecta á procesionaria do piñeiro, tamén se teñen detectado as primeiras capturas de adultos.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.