A Deputación aproba o proxecto das obras da estrada provincial que une Ponte Ribadil e Crecente

O presidente Luis López sinalou que a institución provincial financiará o 80% da actuación, que se concretará en medidas como a dotación dunha senda peonil ou a instalación de pasos peonís sobreelevados

27/12/2024

Xunta de Goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial acaba de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto das obras de mellora da EP-5005 entre os núcleos de Ponte Ribadil e Crecente. A actuación “foi acordada a través dun convenio co Concello de Crecente e ímola financiar ao 80% desde a Deputación, con 200.000 euros”, sinalou o presidente, mentres que o concello se encargará do 20% restante (40.000 euros).

As obras proxectadas pola Deputación permitirán mellorar tanto o tráfico rodado como o peonil, con medidas como a execución dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada de 2,5 metros de anchura e preto de 600 metros de longo. O proxecto tamén contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados ou a redución da velocidade máxima permitida na vía. Ademais, tamén se colocarán novas luminarias e se renovará toda a canalización da rede de iluminación, así como a rede de recollida de augas pluviais, entre outras actuacións. As obras estarán localizadas entre os puntos quilométricos 11+980 e 12+550.

Luis López lembrou que esta é unha primeira actuación contemplada nesta estrada, pero que a Deputación continuará traballando no futuro nela. De feito, tal como adiantou a deputada provincial Isabel Couselo fai só uns días co alcalde, Julio César García-Luengo, a esta seguiralle outra importante actuación que terá lugar no treito antigo da vía ao seu paso polo núcleo urbano de Crecente.