A Deputación apoiará con ata 10.000 euros o labor dos colectivos veciñais e das comunidades de usuarios de auga da provincia

O presidente, Luis López, explicou que a recuperación destas liñas de apoio, dotadas cun millón de euros cada unha, marcarán “un antes e un despois nas axudas da Deputación ao noso tecido asociativo”

11/12/2023

Rolda de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, detallou o contido das bases do Plan provincia comunitaria e o Plan +Aqua, dotados cada un cun millón de euros, que se aprobaron este luns na Xunta de Goberno. A primeira da liña de axudas repartirá entre 6.000 e 10.000 euros a colectivos veciñais para a execución de obras nos seus locais ou a adquisición de novos equipamentos necesarios para levar a cabo o seu labor, mentres que o segundo plan repartirá a mesma cantidade entre as comunidades de usuarios de auga da provincia para mellorar o sistema de abastecemento de auga para o consumo humano. “Dous millóns de euros en subvencións para poñer un antes e un despois nas axudas da Deputación ao noso tecido asociativo”, destacou o presidente antes de debullar os pormenores destes dous plans.

Os obxectivos destes programas pasan por “mellorar a contorna do rural e de determinadas zonas urbanas, potenciar a capacidade das propias asociacións, mellorar a calidade de vida local e os equipamentos veciñais e contribuír á implantación homoxénea destas entidades en todo o territorio”, sinalou López.

O Plan provincia comunitaria está dotado cun millón de euros dos que se poderán beneficiar asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociación de veciños, así como asociacións de mulleres rurais. Todos os aspirantes deben estar legalmente constituídos, ter domicilio fiscal na provincia e estar inscritos no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas entidades poderán acceder a axudas dun mínimo de 6.000 e un máximo de 10.000 euros para financiar dous tipos de proxectos: execución de obras nos seus locais ou espazos e a compra de equipamentos, como mobiliario ou dispositivos informáticos.

Xestión da auga

O Plan + Aqua comparte a mesma filosofía pero vai dirixido especificamente a comunidades de usuarios de auga. A contía tamén é dun millón de euros e as e os interesados poderán recibir unha axuda comprendida entre os 6.000 e 10.000 euros. Estes fondos deberán destinarse a actuacións para a mellora, reforma ou reparación das instalacións das traídas de auga comunitarias; á dixitalización, sustentabilidade e eficiencia enerxética das instalacións; á mellora dos sistemas de tratamento e control das augas; á legalización de novas concesións ou renovación das existentes; ou á mellora da calidade da auga subministrada, dos sistemas de captación ou das infraestruturas de almacenamento da auga. “O que estamos facendo é velar polo abastecemento de auga”, declarou Luis López destacando o bo traballo que están a realizar estes colectivos na provincia para xestionar un recurso tan necesario e escaso como a auga.

Ata o 29 de febreiro

As e os interesados en participar en calquera destes dous plans dispoñerán de prazo ata o 29 de febreiro para solicitar a axuda a contar desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. As obras deberán estar rematadas en novembro do próximo ano e a repartición de fondos farase por concorrencia competitiva.

A aprobación das bases do Plan provincia comunitaria e + Aqua supón “emendar unha inxustiza e a materializar o noso compromiso co tecido asociativo da nosa provincia”, afirmou Luis López. “Non podemos entender nin compartir que se ignoraran sistematicamente as demandas de axuda por parte das asociacións, sendo Pontevedra, ademais, a provincia que máis as solicita ante outras administracións. Non entendemos nin compartimos que se desprezara o papel das entidades na cohesión territorial, na sustentabilidade e no equilibrio territorial. E non podemos entender nin moito menos compartir que se descualificara o papel dos movementos veciñais como grupos ao servizo de mellorar a vida dos veciños”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra, entidade que comparte meta coa rede veciñal, que é “construír máis provincia”.

videos

audios