As Aplicacións da intelixencia artificial protagonistas este xoves do Ciclo Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias

A profesora Ana Freire Veiga impartirá este novo webinario ás 19 horas, e as inscricións están abertas en www.depo.gal

06/06/2023

“Como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental?” é o título do novo seminario web do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e que impartirá o vindeiro xoves 8 de xuño Ana Freire Veiga, profesora titular e vicedecana de Impacto Social e Innovación Académica da Barcelona Schooll of Management da Universidade Pompeu Fabra. A cita será ás 19 horas e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).

Nesta nova sesión do ciclo, Freire falará da intelixencia artificial, cunha primeira parte na que explicará que é e por que se está a falar tanto dela ultimamente, amais  de poñer varios exemplos do seu uso e comentar tamén os seus beneficios e riscos. Na segunda parte, a experta presentará os resultados de STOP (Suicide prevenTion in sOcial Platforms), un proxecto liderado desde a Universidade Pompeu Fabra no que se aplica intelixencia artificial para contribuír a mellorar a saúde mental de usuarias e usuarios de redes sociais con problemas neste eido coma a depresión, a ideación suicida ou os trastornos da conduta alimentaria. Grazas a este proxecto incrementáronse as chamadas de redes sociais ao teléfono da esperanza en máis dun 60 %.

Co Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, a institución provincial e a RAGC convidan a cidadanía a achegarse ás ciencias e ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como axudante do desenvolvemento socioeconómico. O programa abrangue un total de 13 conferencias, por unha banda oito webinarios dirixidos á cidadanía en xeral e, pola outra, cinco conferencias presenciais en centros educativos, tratando temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica.

Trala conferencia deste xoves, as charlas para o público xeral chegarán ao seu fin o día 15 de xuño, ás 19.00 horas, co webinario sobre a “Evolución das nosas células e por que se producen os tumores” que ofrecerá David Posada, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en asistir telematicamente e de xeito gratuíto ás conferencias deberán inscribirse en www.depo.gal