A Deputación abre este venres no palacete das Mendoza a exposición “Pasión por la pintura”, de Luis Rivas
A mostra, na que o artista pontevedrés e exfutbolista profesional fai a súa interpretación do vangardismo histórico e da clásica Escola de París, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o 10 de marzo
22/02/2024
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 23 de febreiro a exposición “Pasión por la pintura”, do artista pontevedrés Luis Rivas. Na mostra, o tamén exfutbolista profesional fai a súa interpretación do vangardismo histórico e da clásica Escola de París cunha linguaxe propia. A exposición, que se poderá visitar ata o 10 de marzo, presenta pintura de base xeométrica a través de estruturas paisaxísticas arquitectónicas, construcións utilizadas en grandes espazos e un rico cromatismo para, deste xeito, renovar a mirada de artistas coma Mondrian, De Chirico ou Léger.
Rivas comezou no mundo da pintura no estudio do pintor, tamén pontevedrés, Manuel Aramburu, actividade que complementou máis adiante nos corredores da Facultade de Belas Artes, concretamente nas clases e nas materias das pinturas vangardistas de finais do século xix e principios do xx, xunto co profesor Antón Castro. Tras pasar por unha primeira etapa figurativa e apuntar cara á abstracción e á cor, actualmente os seus traballos en óleo buscan a beleza, a harmonía en formas e espazos diferentes, sempre marcando unha linguaxe propia.
“Pasión por la pintura”, a selección das obras de Luis Rivas que acollerá a partir deste venres o palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 10 de marzo, de luns a venres, de 9 a 20 horas; sábados e festivos, de 10 a 14 e de 16 a 19 horas; e domingos, de 10 a 14 horas.