O AECT Rio Minho recibe a analistas da OCDE para coñecer a situación institucional e o territorio do Miño

O director do AECT Uxío Benítez presidirá dúas xornadas de traballo con reunións con entidades gubernamentais españolas, portuguesas, galegas, e tamén con persoal investigador e entidades sectoriais

19/06/2023

Uxío Benitez

O AECT Rio Minho recibirá os próximos 26 e 27 de xuño unha delegación de técnicos da OCDE e da DG Rexio da Comisión Europea que visitará o territorio do Río Minho Transfronteirizo para coñecer de primeira man a dinámica institucional e a realidade da rexión fronteiriza do Río Minho.
En concreto, trasladaranse ata o territorio miñoto os analistas de Políticas da Unidade de Gobernanza e Planificación Estratéxgica para el Desenvolvemento Rexional da OCDE Stephan Visser e Geoff Upton, así como a responsable de Descentralización da Unidade Subnacional de Finanzas e Infraestructuras (CFE, OCDE), Margaux Vincent. Pola parte transfronteiriza galega e portuguesa recibirán a comitiva o director do AECT Uxío Benítez e o vicedirector Rui Teixeira.

Realizarase unha reunión con representantes dos concellos asociados ao AECT e as alcaldesas, alcaldes e presidentes de cámaras do territorio. Tamén haberá un encontro con entidades de ensino superior e persoal investigador de cooperación transfronteiriza, e con entidades sectoriais: Adriminho, GDR Paradanta, GDR Baixo Miño; Eures transfronteirizos; e escolas profesionais.

Na xornada seguinte haberá unha reunión con persoal técnico da Rede de Eurocidades do Rio Minho,  e un encontro en liña con entidades gobernamentais de Portugal e España (SEDR + SX Territorial, SE de Reto Demográfico, delegado del Goberno Español en Galicia). Posteriormente, o encontro será cos axentes autonómicos (CCDR-N e a Vicepresidencia da Xunta de Galicia), para finalizar cunha xornada de traballo e conclusións entre o equipo OCDE/DGRegio e AECT Río Minho.

Esta visita da comitiva da OCDE realízase como parte do proxecto ‘Building More Resilient Cross-border Regions: Multi-level Governance and Co-developed Strategic Regional Developmen’, xa que a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea e a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Economico (OCDE), seleccionou ao AECT Río Minho como unha das cinco rexións piloto de Europa para participar no proxecto, unha iniciativa que pretende reforzar a gobernanza nos espazos transfronteirizos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das poboacións.

Con unha duración de 15 meses, este proxecto baséase en axudar ás rexións transfronteirizas piloto a mellorar a gobernanza multinivel transfronteiriza,  mediante un desenvolvemento conxunto de iniciativas de cooperación transfronteiriza. En particular, o proxecto pretende analizar a creación e implantación conxunta de políticas públicas (por exemplo, política fiscal transfronteiriza) e servizos (énfase en sanidade, transporte, educación) en zonas fronteirizas funcionais.

A OCDE

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), unha das entidades xunto á Comisión Europea que pon a andar o proxecto piloto no que está o AECT Rio Minho, é unha organización internacional cuxa misión é deseñar mellores políticas que favorezan a prosperidade, a igualdade, as oportunidades e o benestar para todas as persoas.

En colaboración con gobernos, responsables de políticas públicas e cidadáns, traballapara establecer estándares internacionais e propoñer solucións baseadas en datos empíricos a diversos retos sociais, económicos e ambientais. A OCDE é un foro único, un centro de coñecementos para a recompilación de datos e a análise, o intercambio de experiencias e de boas prácticas, que asesora en materia de políticas públicas e no establecemento de estándares e normas a nivel mundial en ámbitos que van desde a mellora do desempeño económico e a creación de emprego ao fomento dunha educación eficaz ou a loita contra a evasión fiscal internacional.