OCDE e ce destacan o consenso entre axentes galegos e lusos do sobre a necesidade de desenvolver o territorio do Miño cunha única estratexia común transfronteiriza
A comitiva da UE valorou positivamente o apoio social e a capacidade de interlocución do AECT Rio Minho para tratar as necesidades da poboación na raia
27/06/2023
As persoas representantes da OCDE e a Comisión Europea que traballan no proxecto piloto sobre gobernanza transfrontiriza pechan hoxe a súa visita ao territorio transfronteirizo do Miño cunha impresión moi positiva sobre a concepción do territorio que teñen os axentes sociais e administrativos do Miño e o consenso deses axentes, tanto da parte galega como portuguesa, sobre a necesidade de desenvolver o espazo conxunto da raia cunha única estratexia común transfronteiriza.
O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez destacou que a comitiva europea conformada por analistas de Políticas da Unidade de Gobernanza e Planificación Estratéxica para el Desenvolvemento Rexional da OCDE, Stephan Visser e Geoff Upton, e a persoa responsable de Descentralización da Unidade Subnacional de Finanzas e Infraestruturas da Comisión Europea, Margaux Vincent, atopou no territorio do Miño unha “rexión moi interesante” para analizar as problemáticas da gobernanza multinivel” que se analizan no estudo piloto no que participan tamén outras catro rexións tranfronteirizas de Europa.
Unha das cuestións que máis chamaron a atención das e dos analistas europeos nas reunións que se mantiveron cos diferentes actores políticos sociais, académicos -cualificadas de “moi frutíferas” foi a coincidencia de todos os actores e representantes de entidades no proxecto estratéxico do Miño.
“Todos os axentes entendemos que temos un territorio común, cuns valores ambientais, naturais e paisaxísticos e que o territorio debe ser promovido de xeito conxunto entre todos. Esa coincidencia de entender o territorio marcado pola forte identidade que hai co río e que ten a súa explicación xeográfica foi moi valorada”, explicou Benítez, quen destacou que é “algo moi relevante nesta rexión fronteiriza porque noutro tipo de rexións teñen un carácter xeográfico máis artificial e é máis complexo ter esa unidade de acción que aquí se percibiu dende a OCDE e a CE no desenvolvemento do proxecto estratéxico”.
“Ver o entendimento de que conformamos un territorio que hai que promover e defender xunto, o que ten unha explicación de índole xeográfico que xera unha identidade e que hai unidade na concepción” foi moi importante para destacar a singularidade do territorio do Miño, insistiu o nacionalista.
Neste mesmo sentido, as e os analistas aplaudiron -e así llo manifestaron á directiva- o grao de apoio social e capacidade de intermediación do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho. Segundo manifesta o director do AECT Uxío Benítez, as persoas que integran a comitiva declaráronse gratamente sorprendidos porque a do Miño é unha fronteira moi dinámica na que as entidades activas están moi implicadas e consideran que o AECT fai un labor importante e recoñecido por coñecer a zona e as súas necesidades, tendo unha gran capacidade para intermediar coas administracións competentes e resolver problemas.
Nova visita, en outubro
Na xornada de hoxe, os diferentes encontros tamén concluíron a necesidade de articular algún tipo de mecanismo innovador e diferente para constituír un elemento institucional no que se poidan ceder competencias todas as entidades que hai arredor do río Miño para que un só ente poida promover e regular todo o relacionado ca contorna natural do río Miño. “Esa necesidade é unha das ideas centrais: ter un ente institucional capaz de poder decidir unicamente só ente que decida en función de toda”, insistiu Benítez.
Esta visita da comitiva da OCDE realízase como parte do proxecto ‘Building More Resilient Cross-border Regions: Multi-level Governance and Co-developed Strategic Regional Developmen’, xa que a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea e a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Economico (OCDE), seleccionou ao AECT Río Minho como unha das cinco rexións piloto de Europa para participar no proxecto, unha iniciativa que pretende reforzar a gobernanza nos espazos transfronteirizos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das poboacións.
Con unha duración de 15 meses, este proxecto baséase en axudar ás rexións transfronteirizas piloto a mellorar a gobernanza multinivel transfronteiriza, mediante un desenvolvemento conxunto de iniciativas de cooperación transfronteiriza. A vindeira visita ao territorio do Miño será no mes de outubro, cando de novo se volverán desprazar especialistas da OCDE e a CE.