Luis López anuncia que as actuacións do +Música chegarán a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
O programa, dotado con 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, busca colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
28/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta en rolda de prensa da aprobación das actuacións enmarcadas no programa +Música, que este mércores presentou nun acto ante o tecido cultural da provincia e que foron aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno. Trátase dunha iniciativa “que contribúe á programación cultural nos concellos, poñendo á súa disposición actuacións musicais profesionais para difundir e fomentar a cultura galega”, sinalou o presidente provincial. O orzamento total de +Música neste 2025 é de 700.000 euros, 100.000 € máis que o pasado ano.
Luis López valorou o satisfactorio resultado da convocatoria, xa que “todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, os 59, realizarán actuacións ao abeiro de +Música”. Os eventos terán lugar entre maio e decembro e a eles destinaranse entre 4.000 e máis de 15.000 euros en función do caché dos grupos solicitados. Ao abeiro do programa +Música programáronse actuacións de grupos e artistas como A Roda, Dakidarría, Boyanka Kostova, Guadi Galego, Luar na Lubre, Milladoiro, Susana Seivane, The Rapants ou Treixadura, entre moitos outros.
Trátanse de formacións e artistas musicais incorporados previamente a un catálogo que se puxo a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes na web institucional. O seu punto en común é que todos eles levan a cabo nas súas actuacións interpretacións e composicións en lingua galega e de autoría galegas. Deste xeito, con +Música estase a contribuír ao fomento da cultura e da lingua galegas e a promover a reputación da provincia de Pontevedra como destino cultural. “En resumo, seguimos traballando para que a cultura chegue a todos e cada un dos recunchos desta provincia, e que todos os pontevedreses poidan desfrutar dunha programación cultural de calidade, independentemente do seu lugar de residencia”, asegurou López.