A Illa de Arousa recupera para a cidadanía a praza do Regueiro e a Avenida de Castelao da man da Deputación
O concello e a institución provincial inauguraron as esperadas obras que suman un investimento total de 2,7 millóns de euros e foron financiadas con recursos do Plan ReacPon e a través dun convenio de Infraestruturas
03/04/2023
O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, inauguraron esta mañá dúas importantísimas accións de recuperación de espazos públicos que repercuten a favor da cidadanía e que supuxeron un investimento conxunto que supera os 2,7 millóns de euros. Trátase por unha parte da esperada reforma da praza do Regueiro para impulsar un novo lugar de encontro e cohesión social da veciñanza, proxecto financiado a través do ReacPon, e mais a transformación da Avenida de Castelao para adaptala ao modelo de mobilidade provincial que ten situado a Deputación como o referente estatal de actuación nas infraestruturas viarias, que acadou unha importante achega de fondos europeos DUS 5000.
Santos Héctor asegurou que “estas dúas obras, que se realizaron despois de falar moito coas veciñas e veciños, son un grande acerto e ninguén ten ningún tipo de dúbida de que fomos na dirección correcta”. O deputado detívose principalmente na actuación da praza do Regueiro, que lembrou que “é a praza máis importante de toda A Illa de Arousa”, e onde a súa remodelación integral, “cun gran sentido e integración co resto do concello”, permitiu que agora conte “con todos os elementos que faciliten a vida das veciñas e veciños”. De feito, como sinalou, “estamos vendo como as nenas e nenos da vila xa están a gozar desta extraordinaria praza onde se van poder celebrar grandes eventos” e na que destacou especialmente “a dotación dun tanque de tormentas para poder ter acumulación suficiente de auga para o rego e a limpeza”.
Pola súa banda o alcalde, Carlos Iglesias, lembrou que estas dúas actuacións “tiveron un grandísimo apoio da Deputación” e puxo en valor que “desde o principio, cando comezamos a idear estes proxectos, tiñamos a intención de que todas as veciñas e veciños os puidesen gozar, calquera que fose a súa idade”. Agora, xa rematadas, “están en pleno uso e o seu resultado foi plenamente satisfactorio” para acadar na praza do Regueiro “un espazo de lecer para todo o mundo” e, na Avenida de Castelao, “unha obra do século XXI que fai que non quedemos atrás”. De feito, o alcalde lembrou que “se conseguimos que Europa a vise como un proxecto singular e acadamos a subvención é porque imos no camiño adecuado".
A reforma da praza do Regueiro foi financiada a través do ReacPon, cun investimento de 385.000 € da Deputación e máis de 1,1 millóns de euros do Concello. É o espazo público máis importante da Illa, e un punto de encontro, celebración e esparexemento que precisaba unha remodelación integral para ser un verdadeiro espazo de encontro e cohesión cunha mellora da mobilidade peonil e ciclable. A reurbanización, cun efecto transformador, buscaba convertela nun eixo vertebrador e un espazo de calidade con usos plurais, accesible e amable. Unha praza pública do século XXI que fomenta a estancia, as mobilidades alternativas, inclusivas e sostibles e a autonomía infantil, así como impulsa a actividade económica de proximidade e o comercio local.
Na nova praza do Regueiro incrementáronse os espazos públicos e as zonas verdes. A zona de ocio infantil trasladouse para protexerse dos ventos e está organizada por tramos de idade. Tamén se crearon unha zona para maiores e outra multideportiva, unha zona de vexetación para proporcionar sombra, e outro espazo polivalente para uso cultural que acollerá festas populares (como as festas do Carme) ou teatro. O concello xa anunciou, ademais, que dotará a praza dun pump track.
Na praza do Regueiro peonalizáronse as vías, con áreas de prioridade residencial e reformulación dos sentidos de circulación, elimináronse dúas vías de tránsito rodado e reconverteuse a saída ao barrio da Salga para ser de uso exclusivo para residentes. Tamén se suprimiron as barreiras arquitectónicas, instaláronse pasos sobreelevados e redutores de velocidade, renovouse a sinalización e tomáronse medidas de eficiencia enerxética: instalación de luminarias LED, captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos que reducen fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos ecolóxicos.
En canto á Avenida de Castelao, a actuación tivo un investimento próximo aos 1,2 millóns, financiados ao 70% pola Deputación (812.000 €) e ao 30% polo Concello (348.000 €) nun convenio de Infraestruturas. É unha actuación modélica, xa que conta co aval de ter acadado 814.000 € de fondos europeos DUS 5000 que permiten financiar o 80% da actuación. A través deste proxecto converteuse esta céntrica avenida, en plena EP-9803, nun espazo público con prioridade peonil, que garante a accesibilidade universal coas maiores garantías de seguridade viaria no marco dun modelo transformador que ten en conta a protección aos colectivos máis vulnerables na vía pública: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. Grazas a esta actuación conformouse unha contorna segura e tranquila que fomenta a convivencia de todos os sistemas de desprazamento e reparte de xeito equilibrado o espazo público. A Avenida de Castelao pasou de incumprir a lei de accesibilidade de Galicia, con beirarrúas estreitas, e de estar dedicada na súa maioría ao vehículo motorizado, a ser un espazo público de calidade que cambia a prioridade ao tráfico peonil e garante a accesibilidade universal.
Agora conta con beirarrúas continuas e libres de obstáculos en ambas marxes e plataforma única sobreelevada onde o ancho non permite itinerarios peonís segregados, e conta con 18 prazas de aparcadoiro en batería. Ademais, pasa de dous carrís a un, con circulación en dirección á Avenida da Ponte, reduciuse a velocidade máxima a 20 km/h e dotouse de sistemas de calmado de tráfico e de mobiliario urbano de deseño. Tamén se renovaron as redes de abastecemento, saneamento, augas pluviais e alumeado público e soterráronse as liñas de electricidade e telecomunicacións.
Novas transformacións na Illa de Arousa da man da Deputación
Ademais, a transformación da Illa de Arousa continúa da man da Deputación de Pontevedra con novas actuacións a carón das dúas obras inauguradas hoxe. Por unha banda na Avenida da Ponte –localizada a continuación da Avenida de Castelao– a institución provincial inviste 293.000 euros para recuperar a totalidade da EP-9801 Ponte-A Laxes, cunha lonxitude de 1,2 quilómetros e integramente financiada pola Deputación. Neste ámbito repoñerase o firme e a sinalización e dotarase de pasos peonís sobreelevados para mellorar a seguridade viaria da vía. A actuación está na actualidade en fase de licitación: de feito, este martes 4 de abril ás 10:00 horas remata o prazo de presentación de solicitudes.
Pola outra banda, a carón da praza do Regueiro, A Illa de Arousa investirá na reparación das infraestruturas viarias e servizos da rúa O Charco, cun tratamento similar ao empregado no Regueiro. Para facer fronte a esta actuación, o concello empregará os remanentes froito da obtención dos 814.000 € de fondos europeos DUS 5000 do proxecto da Avenida de Castelao.