A oficina de turismo da Guarda camiña cara un modelo dixitalizado de atención ás persoas visitantes ao abeiro do Tourist Inside

Este punto de información verá renovado o seu modelo de atención coa incorporación de elementos como unha pantalla dixital ou a instalación de 19 “beacons” no municipio

01/09/2022

OT A Guarda

Este punto de información verá renovado o seu modelo de atención coa incorporación de elementos como unha pantalla dixital ou a instalación de 19 “beacons” no municipio

A oficina de turismo da Guarda beneficiarase da aposta que a Deputación de Pontevedra fai por implantar un modelo de oferta turística integral e dixitalizado na rede Info Rías Baixas, á que está adherida. Anunciárono a deputada encargada da área de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen se desprazaron ata o lugar para concretar as medidas que se tomarán neste punto de información. Con elas, a oficina da Guarda renovará o modelo de atención ás persoas visitantes ao incorporar elementos dixitais e impulsar así o sector turístico na provincia.

Máis polo miúdo, a oficina da Guarda mergullarase no mundo dixital ao abeiro do programa Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado. E farao coa instalación dunha pantalla de 55 polgadas que ofrecerá información ás e aos visitantes a través da interconexión coa rede Info Rías Baixas. Ademais, o interior desta oficina albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A dixitalización da oferta turística propagarase tamén polo municipio da Guarda coa colocación de 19 “beacons”, unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

Máis de 5.000 visitantes

A Guarda acadou no que vai de ano a cifra de 5.018 visitantes, chegados na súa maior parte (64%) de diversos puntos do Estado entre os que destacan as e os turistas de Madrid (26%), Araba ou Badaxoz. No que atinxe ao turismo estranxeiro (36%) detectouse unha maior presenza de visitantes de Alemaña, Estados Unidos ou Portugal.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.  

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.