A Deputación lanza a marca “Té Areeiro”, froito da investigación da EFA para impulsar este cultivo desde a provincia de Pontevedra

Carmela Silva: “Temos unha folla de ruta clara para que máis pronto que tarde sexamos unha provincia cun té propio, de enorme calidade e que poidan nacer proxectos para manter o noso rural a través da flor raíña das Rías Baixas”

13/03/2023

Presentación Té Areeiro

Como non podía ser doutra forma, unha degustación de té serviu hoxe de colofón á presentación da nova marca "Té Areeiro", o distintivo de calidade e de produto local co que a Deputación vai impulsar a produción de té verde de camelia na provincia. A marca, un indicador de calidade e un medio de promoción deste produto que busca chegar a todo o mundo, nace froito da longa investigación levada a cabo pola Estación Fitopatolóxica Areeiro que, como subliñou a presidenta Carmela Silva, “ten unha folla de ruta clara para que máis pronto que tarde sexamos unha provincia cun té propio, de enorme calidade e poidan nacer proxectos para manter o noso rural a través da flor raíña das Rías Baixas”. A presidenta deu a coñecer o lanzamento da marca e do Plan Estratéxico na propia EFA ante un amplo auditorio,  xunto á xefa de servizo de Areeiro, Carmen Salinero, ambas arroupadas polo deputado Manuel González; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, chefs Estrela Michelin como Iñaki Bretal, responsables dos equipos directivos dos institutos Carlos Oroza, Montecelo e Manuel Antonio e da Escola de Capataces Forestais de Lourizán;, responsables dos xardíns de camelias de pazos da provincia, así como de asociacións, cooperativas agrícolas e mancomunidades de montes e medios especializados, entre outras entidades.

O primeiro paso dado pola Deputación consistiu no rexistro da marca e a elaboración do Plan Estratéxico para impulsar a produción en toda a provincia e convertela nun referente baixo o paraugas de Areeiro, a fin de diferenciala e individualizala no mercado. Carmela Silva louvou o traballo feito pola EFA “que se ten convertido nunha grande referencia a nivel nacional e internacional” e que recentemente tamén frutificou co nomeamento do seu xardín de camelias como de excelencia pola Sociedade Internacional da Camelia. A presidenta provincial destacou que “TéAreeiro” é un proxecto “cun enorme futuro” baseado na flor símbolo das Rías Baixas, da provincia e de Galicia, que xa é un polo de atracción turística na provincia “con moitas persoas que veñen visitar os xardíns onde é a raíña”, e ao que agora se suma o impulso da súa vertente gastronómica, de formación e de saúde. “Queremos converternos nunha provincia produtora de té e favorecer que a xente poida desfrutar dunha bebida como esta, recoñecida mundialmente por todos os seus valores para a saúde”, avanzou.

Explicou que Areeiro, que ten un área de 500 metros cadrados dedicado ao cultivo de té cun total de 300 plantas, ten traballado durante máis de vinte anos para seleccionar as plantas de camellia sinensis (variedade da que se obtén o té) ata elixir máis dunha ducia “para poder facer un té de enorme calidade que poida competir con calquera do mundo”. “É aquí en Areeiro, –engadiu a presidenta-, é onde está o saber da camelia, porque o seu persoal, liderado por Carmen Salinero, ama o seu traballo e ten acumulado moitísimo coñecemento sobre esta planta”.  Agora, unha vez creada a marca, toca traballar con centros de investigación, asociacións, persoas produtoras e responsables dos establecementos de restauración para fomentar este cultivo e a súa futura comercialización: “Precisamos impulso, ideas, traballar xuntos e xuntas para que isto que hoxe é unha marca, unha folla de ruta, máis pronto que tarde se converta nun elemento identificativo que nos permita seguir crecendo”.

Foi a xefa de servizo de Areeiro, Carmen Salinero, quen deu a coñecer as liñas do Plan Estratéxico ,“que ten por obxectivo promover un modelo de produción sostible que contribúa a conservar e aumentar a biodiversidade e fomentar o emprego no rural”, tendo en conta que provincia reúne as condicións óptimas para esta planta, tanto a pequena escala coma en plantacións comerciais. Insistiu nas fortalezas que ofrece o proxecto, cunha bebida que é a segunda máis consumida do mundo despois da auga e cun consumo en crecemento, así como a alternativa que supón para o emprendemento este cultivo “de rápida produción, ecolóxica e que beneficia ao medio”. Citou que a camellia sinensis se atopa nas listas de plantas resistentes ao lume, polo que pode usarse como barreira protectora nas áreas próximas a poboacións rurais. Amais, o proceso de elaboración desde a colleita ata a comercialización é mecánico e físico, polo que non xera residuos de produtos químicos.

As accións enmarcadas no Plan Estratéxico abranguen a produción e difusión, “porque tan importante é como se elabora como como se consume” e, neste senso, anunciou a celebración de xornadas técnicas para explicar o método de cultivo e, unha vez que haxa persoas, colectivos ou centros que amosen o seu interese para cultivar, iniciaranse obradoiros formativos. “Faremos amais boletíns informativos sobre a produción e un seguimento das plantacións –engadiu-. Todo iso acompañado de catas de té e aproveitamento de celebración de datas sinaladas, como o Día do Té o 21 de maio, para organizar actividades de promoción”. Neste senso, a responsable de Areeiro incidiu tamén en que se potenciará a difusión nos centros educativos de restauración e tamén a sinatura de convenios con colectivos e asociacións para promocionar este cultivo. “Imos traballar de xeito transversal, para que chegue á persoa consumidora un té propio, novo e fresco, porque sabe á natureza. E hai que quitar a palabra amargo do té: o único té amargo é o mal feito”.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.