A Deputación de Pontevedra a única do estado en formar parte da nova Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
A institución que preside Carmela Silva foi elixida hoxe na sesión plenaria en Benidorm entre 528 destinos e convértese na voz do turismo galego no máximo órgano de dirección
10/06/2022
A Deputación de Pontevedra é desde este venres a única Deputación de todo o Estado que forma parte da nova Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo para implantar intercambio de experiencias e coñecemento para que os destinos sexan sostibles e intelixentes, amais de liderar en España o deseño do modelo de turismo baseado nas boas prácticas, na dixitalización e a resposta ás novas demandas. Na sesión plenaria celebrada esta mañá en Benidorm, a institución que dirixe Carmela Silva foi elixida xunto a outras 15 para formar parte da dirección da Rede, entre os 528 destinos adheridos , e amais de ser a única Deputación de España tamén será a única institución galega na Comisión Executiva polo que se converte desde hoxe na voz do turismo de Galicia no máximo órgano de dirección.
A presidenta provincial, Carmela Silva, manifestou o seu orgullo porque esta elección "é un novo recoñecemento á Deputación, froito do noso traballo destes anos para impulsar un sector prioritario para a provincia e un modelo turístico innovador, vangardista e baseado nas novas demandas".
A Red DTI, Destinos Turísticos Intelixentes, creouse no ano 2019 da man de Seggittur e o Ministerio de Industria e Turismo, sendo a Deputación de Pontevedra unha das institucións fundadoras. Nestes anos, avanzouse no incremento de destinos adheridos pero tamén en proporcionar ferramentas e recursos para superar as consecuencias da pandemia e impulsar o desenvolvemento da metodoloxía de destino intelixente.
A propia Deputación de Pontevedra xa é unha referencia na implementación do proceso para converter á provincia nun territorio turístico intelixente, tanto a través das estruturas e programas de xestión como, sobre todo, coa posta en marcha do proxecto Tourist Inside que suporá un salto cualitativo en innovación, dixitalización e capacitación da oferta para responder ás novas demandas turísticas. Onte mesmo, a Deputación recibiu por este programa na Gala AMETIC, a patronal da industria dixital en España, o Premio Digital Tourist 2022 na categoría de Innovación da Oferta Turística.