A Deputación aproba 1,2 millóns de euros para seguir garantindo dereitos no ámbito social

A Xunta de Goberno dá luz verde ás axudas básicas de emerxencia, ás dirixidas a entidades do ámbito social e ao expediente de contratación de “Depo en Marcha”

11/02/2022

Rolda de prensa

“Cremos nunha provincia na que todas as persoas teñan todos os dereitos”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación de máis de 1,2 millóns de € en Xunta de Goberno para o impulso de iniciativas de carácter social. A institución provincial, deste xeito, pon en marcha unha nova convocatoria de axudas básicas de emerxencia e tamén das axudas para actuacións no ámbito social dirixidas a entidades, así como o expediente de contratación para a realización das actividades incluídas no programa “Depo en Marcha”.

As axudas básicas de emerxencia están dotadas de 551.700 € e destinadas aos 51 concellos cuxa poboación non supera os 20.000 habitantes  “para atender as persoas que máis o precisan”. Con estas axudas a Deputación dá apoio aos servizos sociais dos concellos (que recibirán entre 7800 e 17.800 € en función da súa poboación e porcentaxe de desemprego) para atender as demandas de necesidade urxente e puntual da cidadanía en situación ou risco de exclusión social, con especial atención ás que teñan menores ao seu cargo e a situacións de grave emerxencia.

Estas axudas permiten afrontar gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos farmacéuticos ou necesidades básicas de roupa e calzado, e produtos de protección fronte á Covid. Tamén se lles axuda a evitar a perda de subministracións básicas da vivenda e a paliar situacións de empobrecemento enerxético. Este ano, como novidade, tamén se financiarán tres novos conceptos: as cotas de comunidade ou derramas, os recibos de telefonía e Internet cos obxectivos de reducir a fenda dixital e garantir o acceso igualitario á información e, por mor das dificultades de transporte público nestes concellos, tamén se sufragarán as reparacións e mantemento de vehículos para facilitar o acceso a recursos educativos, asistenciais, sanitarios, sociais e laborais.

A Deputación aprobou tamén 470.000 € para as bases das axudas ás entidades para desenvolver actuacións cara a colectivos en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social por circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas. En anteriores convocatorias, esta liña permitiu financiar programas de estimulación cognitiva, musicoterapia, promoción da autonomía persoal, emprego no rural, atención especializada a pacientes con artrite, prevención do abandono e promoción do éxito educativo de adolescentes migrantes ou fisioterapia especializada para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema. No pasado exercicio recibiron financiamento 103 entidades de 21 concellos.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente de contratación para licitar os 130 obradoiros do programa Depo en Marcha, cun importante incremento do investimento respecto á convocatoria de 2019 (este foi un dos programas adiados por mor da situación sociosanitaria): un 20% máis de recursos, chegando aos 186.800 €. “Estamos ao carón da sociedade maior, que precisa que as administracións lles garantamos un final de vida amable, agradable e en convivencia”, asegurou a presidenta provincial. Ata 3000 persoas maiores de 50 anos, 25 prazas por acción, poderán participar nesta iniciativa de fomento do envellecemento activo, no que crearemos espazos de encontro e intercambio que impulsarán a súa independencia, a inclusión, o acceso a formación non regrada e evitarán situacións de illamento e soidade. Poderán solicitalos as asociacións de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia. Máis de 11.000 persoas teñen participado nos obradoiros entre os anos 2016 e 2019.

Boas novas nos cursos de español para migrantes: 95% de exames do Cervantes aprobados

A presidenta Carmela Silva tamén aproveitou para informar das “boas novas” que chegan respecto ao alumnado dos cursos de español para persoas migrantes procedentes de países non hispanofalantes. O 95% das persoas que cursaron as accións da edición do 2021, destinadas á obtención do diploma DELE A2 (indispensable para optar á nacionalidade), aprobaron o exame do Instituto Cervantes en Vigo.

“Síntome moi orgullosa e emocióname, especialmente nestes días nos que temos que escoitar a indecencia de quen cuestiona as persoas migrantes que veñen buscando unha mellor vida, fuxindo de guerras e da pobreza”, sinalou a presidenta provincial, que avogou por “poñernos en fronte e pór enriba da mesa o seu enorme esforzo, participando nos cursos e aprobando. Síntome orgullosa delas e deles, da Universidade de Vigo con quen organizamos os cursos e desta administración”. Carmela Silva non esqueceu que “desta provincia saían barcos cheos de xente de todo o Estado escapando da miseria, e como galega orgullosa da nosa xente migrante tamén o estou de poder contribuír a que a xente que agora migra cara ao noso país o faga nas mellores condicións”. A presidenta provincial deulles a benvida e agradeceunas por “todo o que contribúen á nosa economía: dan moito máis do que reciben”.

audios