A Deputación achega a Vilagarcía de Arousa a figura de José Gil, pioneiro do cinema galego
Este xoves 30 de novembro e o sábado 2 de decembro, o concello acollerá proxeccións, a presentación dun libro e visitas guiadas dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia
29/11/2023
A Deputación de Pontevedra leva esta semana a Vilagarcía de Arousa o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que neste 2023 está a chegar a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse este xoves 30 de novembro e o sábado 2 de decembro na cidade arousá e inclúen proxeccións, visitas guiadas polo seu cinemóbil, a presentación dun libro e unha actuación musical.
Na xornada de xoves 30 de novembro terá lugar, entre as 10:00 e as 13:30 horas, unha programación para o alumnado da vila que inclúe a proxección no Auditorio Municipal das películas que reproducía José Gil no seu Cine Royalty de Ponteareas nos anos vinte. Ademais, o alumnado terá a ocasión de participar nunha visita guiada por Manolo González e Ignacio Vilar ao Cinemóbil N.º 3 de José Gil.
O sábado 2 de decembro, a partir das 10:00 horas, na praza da II República, haberá novamente visitas guiadas ao Cinemóbil N.º 3 e presentarase o libro Nos días encantados de agosto, elaborado por Manolo González sobre a figura de José Gil. Ademais, entre as 13:00 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú no Auditorio Municipal coa actuación da Banda de Música de Vilagarcía de Arousa. Na xornada de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, continuarán as visitas guiadas ao cinemóbil na praza da II República e, de 20:00 a 21:30 horas, terá lugar un ciclo de proxeccións no Auditorio Municipal.
O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” está a aglutinar presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do que se considera o iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove, Salvaterra de Miño, Tui e Moaña. Despois de Vilagarcía de Arousa, o programa rematará este domingo en Ponteareas.
José Gil e Vilagarcía de Arousa
O ferrocarril ou o Balneario de Vilagarcía foron o reflexo do turismo de Galicia e fonte de interese de José Gil como exemplos de modernidade, e tamén foron escenarios dalgúns dos seus filmes. Nas súas gravacións tamén quedou constancia da súa preocupación pola emigración galega a través da figura de Luís García-Reboredo como consignatario das compañías Lloyd Norte Alemán de Bremen e Lloyd Real Holandés de Amsterdam. Ademais, o Cinemóbil n.º 2 tamén recalou en Vilagarcía de Arousa, onde estivo entre os días 3 e 5 de novembro de 1929.