A cidade de Porto e a Universidade de Lyon aprenden do Revitaliza como modelo de xestión de residuos baseado no quilómetro cero

A proximidade da celebración do Día do Medio Ambiente trae á provincia dúas comitivas internacionais para coñecer ‘in situ’ o bo funcionamento do plan provincial de residuos

03/06/2022

Revitaliza

Representantes do Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos do gran Porto en Portugal –LIPOR- e da Universidade de Lyon (Francia) estarán estes días na provincia de Pontevedra para coñecer o Plan Revitaliza da Deputación e intentar trasladar o ‘know how’ do plan provincial aos seus correspondentes territorios.

Coincidindo coa proximidade do Día Mundial do Medio Ambiente (domingo 5 de xuño) o departamento do Revitaliza está a formar ao técnico superior da Unidade de Educación Ambiental de LIPOR Luís Campos, que permanecerá en Pontevedra ata finais da semana próxima, cando tamén chegarán á provincia outros catro compañeiros do servizo portugués.

A LIPOR foi fundada en 1982 como asociación de municipios e xestiona, valoriza e trata residuos urbanos producidos polos oito municipios que a integran: Espiño, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto,  Póvoa de  Varzim,  Valongo e Vila do Conde. Ao mesmo tempo pretende partillar boas prácticas, complementadas con campañas de sensibilización para a poboación. Trata todos os anos cerca de 500 mil toneladas de residuos urbanos producidos por cerca de 1 millón de habitantes.

A súa intención e coñecer máis polo miúdo como se traballa aquí na provincia coa compostaxe e a cidadanía e, sobre todo, cos produtores singulares (hostalería, grandes superficies, residencias…). De momento, na área de Porto só compostan restos verdes e queren comezar tamén a compostar restos de comida.

A formación do técnico portugués comezou no inicio desta semana nas instalacións do Revitaliza cunha exposición teórica sobre cifras de implantación na provincia de Pontevedra, os resultados, os investimentos e as perspectivas de futuro, a distribución dos centros de compostaxe comunitaria e o reparto de composteiros individuais, o proceso da compostaxe e a cantidade de poboación atendida con este sistema.

Posteriormente fíxose un percorrido práctico que pasou por Príncipe Felipe e polos centros de Compostaxe de Pontevedra para ver a implantación en zonas urbanas. Tamén estivo en Vilaboa onde viu o punto de Compostaxe de Monte do Cabalo, onde está a zona de trituración e Compostaxe, e coñeceu o funcinamento para que a veciñanza poida deixar a súa poda e recoller compost. Tamén houbo unha visita ao xeriátrico, onde tamén hai centros de Compostaxe.

 

Na xornada de onte o itinerario seguiu pola Illa de Arousa, onde se asistiu a un reparto de estruturante para a veciñanza que ten composteiro individual, e ás explicacións do alcalde e a concelleira de Medio Ambiente sobre como funciona a programa de compostaxe. Segundo explicou o persoal técnico provincial todos os CCC implantados na provincia seguen os mesmos parámetros potenciando o tratamento en o quilómetro cero. Na xornada de hoxe a previsión é estar en O Grove.

Lyon, Francia

Por outra parte, a vindeira semana chegará a Pontevedra unha comitiva da Universidade de Lyon que está a desenvolver o proxecto VALOR: a profesora  de Desenvolvemento e Urbanismo e directora do proxecto Muriel Maillefert, Pierre Ulrich (referente da asociación Eisenia, especializada en compostaxe de proximidade), e dous internos da mesma equipa.

“O que vostedes desenvolveron en Pontevedra co proxecto Revitaliza é moi interesante para nós porque o obxectivo do noso proxecto é mostrar que a compostaxe de proximidade ten moitos beneficios e que sería bo tentar facelo na cidade de Lyon, Francia”, subliñaron durante a xestión da visita.

O vicepresidente César Mosquera manifestou a súa satisfacción polo éxito e o interese que está a suscitar o Revitaliza na comunidade internacional. Lembrou que durante toda a traxectoria do programa xa teñen chegado á provincia comitivas dende China, Xapón, Israel, Portugal (Lisboa), Guinea Bissau, Bolama, e a entidade Small Islands Organization (SMILO) entre outros. Recentemente tamén se ten considerado o ‘Revitaliza’ caso de éxito e exemplo pioneiro da xestión de residuos no congreso internacional ‘Waste in Progress’.

O vicepresidente fixo fincapé en que dende o inicio o Revitaliza tivo obxectivos claros, para o que se puxo en marcha un programa baseado no coñecemento e na formación de xente experta, “facendo simple o complexo”: “O que comezou como unha aventura colleu unha velocidade vertixinosa e hoxe estamos máis avanzados do que soñabamos hai anos, con resultados palpables”.

Galerias de imagenes