A Deputación de Pontevedra concede preto de 90.000 euros para oito filmes galegos no marco da liña de patrocinios “Pontevedra, plató de cinema”
Trátanse das longametraxes “Castelao”, “Da túa man para a miña”, “Entelequias”e “Illa” e das curtas “Arco da vella”, “Curmán”, “Aquarium” e “Un home que foxe”
15/10/2023
A Deputación acaba de dar a coñecer os oito filmes galegos que se van beneficiar neste 2023 da liña de patrocinios audiovisuais “Pontevedra, plató de cinema”. Trátanse das longametraxes “Castelao”, “Da túa man para a miña”, “Entelequias” e “Illa” e das curtas “Arco da vella”, “Curmán”, “Aquarium” e “Un home que foxe”, e ás que a institución provincial destinará preto de 90.000 euros co obxectivo de apoiar ás entidades privadas que están a realizar proxectos audiovisuais en galego e a impulsar a provincia como escenario de rodaxes.
A contía máxima para longametraxes é de 25.000 euros que acadou “Castelao”, unha ficción dirixida por Ángeles Huertas que sumou a máxima puntuación da convocatoria ao tratarse dun proxecto singular. Tras ela, a segunda máxima puntuación foi para “Da túa man para a miña”, de Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, que recibirá 20.000 euros. Pola súa banda, as longametraxes “Entelequias”, dirixida por Dario Autrán, e “Illa”, por Claudia Brenlla, beneficiaranse de 15.000 euros cada unha. No caso das curtas, a contía máxima é de 3.500 euros que recibirán “Arco da vella”, dirixida por David Fidalgo, e tamén “Curmán”, de Alejandro Jato. A cada unha das outras dúas curtas, “Aquarium” –dirixida por Margue Morello- e “Un home que foxe” –por Pablo Dopazo-, a institución provincial destinará 3.000 euros.
Para poder optar a esta liña de patrocinios, as entidades deben cumprir unha serie de requisitos entre os que se atopen que a rodaxe do filme, que debe comezar no 2023 e rematar antes do 30 de setembro de 2024, sexa exclusivamente en galego ou que a provincia de Pontevedra sexa o seu escenario principal. Ademais é preciso presentar unha memoria explicativa do proxecto audiovisual, un orzamento da produción, un plan de publicidade, un plan de promoción da igualdade, así como a relación do equipo directivo, técnico e actoral, especificando a súa traxectoria e premios conseguidos.
Entre as películas que foron patrocinadas por “Pontevedra, plató de cinema” o pasado ano destaca “O corno”, dirixida por Jaione Camborda, que recibiu 15.000 euros e foi recentemente galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de Cinema de San Sebastián, sendo a primeira película en galego na historia en conseguilo. Xunto a ela, tamén se beneficiaron desta liña de subvencións “A traxedia do Bou Eva” e as curtas “Morte e meu avó”, “Alicia fai cousas”, “Véxote”, “O son das abellas”.