A Deputación achega máis de 30.000 euros a oito entidades da comarca do Morrazo para abordar actuacións no ámbito social

Os colectivos beneficiados polas subvencións provinciais desenvolverán, entre outros, proxectos de apoio a persoas con ELA, párkinson ou cancro de mama, e poderán financiar bancos de alimentos ou atender a persoas en risco de exclusión social

28/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar oito achegas para outras tantas entidades da comarca do Morrazo que traballan no ámbito social, cun investimento total de 32.000 euros. Estas axudas servirán para financiar distintas actuacións que estes colectivos, radicados en Cangas e Bueu, desenvolven para axudar a persoas en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade social.

As contías destas achegas oscilan entre os 2.745 e os 4.564 euros e, das oito entidades beneficiarias, sete desenvolven a súa actividade desde Cangas. Trátase da Asociación Agaela, que recibirá unha achega para realizar un programa de información, apoio e asesoramento a persoas con ELA de Pontevedra; a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Psíquica (ASPAMSIM), que poderá financiar o proxecto “Cóntame un conto”; a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama, que desenvolverá o programa “Seguimos camiñando en rosa 2023”; a Asociación de Caridade Santiago Apóstolo, que terá unha achega para realizar o proxecto “Ao teu carón”; a Asociación Vida Digna do Morrazo, que poderá financiar o seu banco de alimentos e roupeiro social; a Asociación O Son do Pobo, que desenvolverá un programa de apoio, asesoramento, e integración sociolaboral para persoas en risco de exclusión social e a Asociación Xuvenil Cultural Staccato, que prevé abordar un proxecto de musicoterapia.

Por outra banda, no municipio de Bueu a Asociación Párkinson da Provincia de Pontevedra recibirá unha achega para desenvolver o seu proxecto “Im-Pulso Párkinson”.