17 MAIO
2012
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
“(...)
Pranto baril dos ventos galgadores
alimentados co sal da Ría,
que xa non baten velas de Rianxo,
e te chaman, Daniel, con voz ferida,
–agullas dos lentos piñeirales,
verdes coros arpados do Salnés–
ou con voz dos abismos, roncadeira,
na crátera fadal das oleaxes,
pé das rochas de Sálvora.
(...)”
“Door da paisaxe”, Pranto matricial (1955)
Valentín Paz Andrade
(Pontevedra, 1898 – Vigo, 1987)
Foi un escritor, avogado, xornalista, poeta, empresario e político galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou a colaborar en diferentes publicacións. Foi director do xornal Galicia e da revista Industrias Pesqueras. Traballou en numerosas iniciativas empresariais e destacou o seu labor en Pescanova. Foi membro da Real Academia Galega, formou parte do Seminario de Estudos Galegos e participou no anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1932.
GRANDES ÉXITOS
1955
Pranto matricial (1955) é un poemario dedicado a Castelao, que falecera cinco anos antes. Foi publicado en Bos Aires por Ediciones Galicia cunha ilustración de Seoane na cuberta e debuxos de Souto, Maside, Colmeiro e Torres nas páxinas interiores.
Castelao na luz e na sombra (1982) é unha biografía publicada en Ediciós do Castro, que tivo unha edición revisada e aumentada en 1986. Esta obra relata a vida de Castelao, co que Valentín Paz Andrade tivo trato desde que era moi novo en Pontevedra.
1982
Outras obras
Canto do pobo disperso (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) e Galiza lavra a sua imagen (1985)
“Despois dunha existencia lonxeva, dominada polo traballo e a acción creadora, finou en Vigo, case nonaxenario, Valentín Paz-Andrade. Coñecímonos no ano 1931. Compartimos moitas xeiras do galeguismo militante. E, ao remate da guerra civil, cheguei á cidade da súa residencia para me iniciar no exercicio da avogacía no seu bufete…”
“Valentín Paz Andrade in memoriam”, La Voz de Galicia (23/05/1987), Francisco Fernández del Riego