17 MAIO
1976
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
“Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!”
“¡En pé!”, Da terra asoballada(1917)
Ramón Cabanillas
(Cambados, 1876 – Padrón, 1959)
Foi un poeta, dramaturgo e xornalista galego, membro das Irmandades da Fala. En 1910 emigrou a Cuba, onde tomou contacto co movemento agrarista e iniciou a súa obra literaria. De volta a Galicia desempeñou o traballo de secretario de varios concellos e continuou a súa escrita de carácter reivindicativo e nacionalista, publicando poemarios e obras de teatro. Desde 1920 foi membro da Real Academia Galega.
GRANDES ÉXITOS
1917
Da terra asoballada é posiblemente o poemario máis representativo das Irmandades da Fala e o que lle valeu o alcume de poeta da raza. Nos seus versos hai un exaltado compromiso social que conecta co movemento agrarista e patriótico. Foi publicado en 1917 por Galicia Nueva e nunha edición ampliada en 1926 por Lar.
Na noite estrelecida é unha obra que consta de tres poemas, denominados “sagas”, nos que o autor emprega e actualiza libremente os ciclos artúricos para realizar unha louvanza da patria galega a través dunha recreación mítica.
1926
Outras obras
No desterro (1913), A man da santiña (1921), O Mariscal (1926) en colaboración con Antón Villar Ponte, e A rosa de cen follas (1927).
“Mantiven con el unha longa relación persoal e epistolar, curiosamente o primeiro libro que publicamos en Galaxia foi Antífona da cantiga, unha recompilación de coplas de Ramón Cabanillas. Ademais, citeino no meu discurso de entrada na Real Academia: ‘…Cabanillas é poeta moi completo e fecundo. Un grande poeta do noso século, que no rosario do espadeiro ouve cantigar as forzas eternas de Galicia’ e dediqueille moitos artigos e conferencias.”
Francisco Fernández del Riego