17 MAIO

2011

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Lois Pereiro

“Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenido calado e neutral
e que un segundo antes de renderme
vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro
Fumes de Barakaldo Rentería Sestao
invernías nos corpos desde dentro e ferro húmido
nos aceiros da Ría do Nervión co Ruhr cruzado
nos trens da Deutsche Bhn tocando carne de
San Pauli
Kreuzberg con fame de Kebab paseando libres
á sombra do Muro coira vodka e Pogo
demolición alternativa en revolta eficaz
O cheiro acedo de suor a sono ferroviario ás cinco
da mañá
con frías de dúas noites e dous días en mono de metal
Pena Moa Carqueixo o Bao en wáteres de dor entre
ferruxe
(...)”

“Alerta e vixiante”, Poesía última de amor e enfermidade (1995)

Lois Pereiro

(Monforte de Lemos, 1958 – A Coruña, 1996)

Foi un poeta e tradutor galego. Estudou inglés, francés e alemán na Escola Oficial de Idiomas. Fundou a revista Loia en Madrid e a partir de 1981 traballou na publicación La Naval. Realizou varias viaxes en tren por numerosos países europeos a mediados dos anos oitenta e comezou a traballar como tradutor e actor de dobraxe. En 1981 foi vítima dunha intoxicación masiva polo aceite desnaturalizado de colza que o fixo enfermar gravemente.

GRANDES ÉXITOS

1992

Poemas 1981-1991

Poemas 1981-1991 (1992) é o seu primeiro libro, editado por Edicións Positivas; nel recóllense os seus poemas espallados en diferentes revistas e escolmas ata esa data. A súa poesía urbana, rompedora e marxinal, vén cargada dunha visión crítica, irónica e contracultural do seu tempo.

Poesía última de amor e enfermidade (1995) é un poemario no que está presente a enfermidade e a proximidade da morte. Un canto á vida, rebelde e apaixonado, como apunta o poema que propuxo para o seu epitafio: “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”.

Poesía última de amor e enfermidade

1995

“Adícase ao periodismo e colabora en revistas e traballos en prosa e verso. Como poeta leva publicadas diversas composicións. É de suliñar, sobre todo a súa participación no colectivo De amor e desamor.

Diccionario de escritores en lingua galega (1990), Francisco Fernández del Riego