O Concello de Vigo reforza a súa aposta pola educación a distancia co novo convenio asinado hoxe coa UNED

Carmela Silva: “Abel Caballero é o alcalde da cidade que maior compromiso ten tido coa UNED e Vigo é un elemento fundamental en Galicia nesta Universidade”

06/09/2022

firma convenio uned aula Vigo

O Concello de Vigo vén de reforzar “aínda máis” a súa aposta pola educación a distancia co novo convenio coa UNED no que incrementa o investimento municipal que pasa de 190.000 aos 225.000 euros para o desenvolvemento das accións formativas da Universidade de Educación Nacional a Distancia na cidade na que cursan 1.140 estudantes. O alcalde, Abel Caballero, asinou hoxe o novo acordo coa presidenta da Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED e presidenta da Deputación, Carmela Silva, e con Víctor Manuel González Sánchez, director do Centro en Pontevedra.

O novo acordo é froito da necesidade de renovar o anterior para adecualo á normativa actual e, como destacou a presidenta da Xunta Reitora, Carmela Silva, “o importante esforzo económico de Vigo crece con cada convenio”. Neste senso, afirmou que Abel Caballero “é o alcalde da cidade que maior compromiso ten tido coa UNED e Vigo é un elemento fundamental en Galicia da Universidade Nacional de Educación a distancia”. A presidenta engadiu, por outra banda, que a Deputación é a nivel global da provincia “a administración que máis recursos” lle dedica aos centros de educación a distancia na provincia e lembrou tamén o financiamento de 800.000 euros para a adecuación da súa actual Aula en Vigo no emblemático edificio do Mar de Vigo no ano 2016. Quixo subliñar así mesmo o papel que cumpre a UNED, “con novos obxectivos, pero que segue a ser imprescindible”, e destacou o compromiso da institución académica e do seu reitor e seu director en cuestións como a “sostibilidade, a igualdade, a calidade, e a atención a todo o conxunto do alumnado”.

Pola súa banda, Abel Caballero explicou que amais dos 225.000 euros en que está presupostada a actividade docente plasmados neste convenio, o Concello tamén costea con outros 600.000 o mantemento da sede no Mar de Vigo. O alcalde apuntou que o acto da sinatura deste novo acordo “ten simbolismo, pero tamén moito de realidade e de avance” ao volver a “ratificar a nosa aposta pola UNED”. Unha aposta, dixo, que comezou cando en 2013 “trouxemos a UNED á cidade” e, lembrou, “o entón presidente da Deputación opoñíase. Era unha oposición política, pero ao final lanzamos a UNED na cidade”.

O alcalde destacou a ampla presenza feminina no alumnado e a importancia dos trece graos que se imparten no centro vigués: Administración e Dirección de Empresas; Dereito; Psicoloxía; Pedagoxía; Enxeñaría en Tecnoloxías da Información; Ciencia Política e da Administración; Historia da Arte; Xeografía e Historia; Educación Social; Enxeñaría Informática; Estudos Ingleses: Lingua, Literatura e Cultura; Ciencias Ambientais e Turismo. A Aula tamén conta co curso de Acceso á Universidade para Maiores de 25 e 45 anos.

Abel Caballero non descartou  así mesmo a posibilidade dunha futura colaboración entre a UNED en Vigo con Iberoamérica, un proxecto que xa fora concibido na época inicial e que “a crise detivo pero non descarto que nalgún momento o retomemos”. Para isto, continuou, “temos que falar co Goberno de España e o Ministerio de Educación e buscar unha fórmula de relanzar na medida do posible a UNED cara Iberoamérica”.