Rafa Domínguez recibe no Museo de Pontevedra o pintor Francesc Torres e confirma que será un dos participantes da Bienal de Arte

Na súa visita, o artista percorreu da man do vicepresidente provincial o Edificio Castelao e a exposición “A Era das Fábulas”

26/08/2024

Rafa Domínguez recibe no Museo de Pontevedra o pintor Francesc Torres

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir no Museo de Pontevedra o pintor Francesc Torres e confirmou que será un dos participantes da recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez o Edificio Castelao e a exposición “A Era das Fábulas”.

A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 35 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará –asegurou o vicepresidente provincial- a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais” a Bienal atraerá a artistas destacados como Francesc Torres, que acaba de ser confirmado por Rafa Domínguez esta mañá, e a outros moitos de relevancia internacional, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Francesc Torres (Barcelona, 1948) traballou de aprendiz no obradoiro de impresión do seu pai e formouse como artista gráfico. En 1967 mudouse a París onde continuou os seus estudos na École des Beaux Arts e converteuse en asistente do artista Piotr Kowalski. Durante este período, comezou a súa obra de liña industrial. Regresou a España en 1970 para facer o servizo militar obrigatorio e tempo despois mudouse a Chicago, onde realiza a súa primeira exposición individual, e a Nova York onde residiu ata 2001. Ten realizado exposicións en numerosos países do mundo e en 1991 o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid ten realizado unha retrospectiva da súa obra.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.