Deputación e Xunta renovan o convenio coa Asociación Amigos da Ópera de Vigo incrementando ata os 60.000 euros o apoio á tempada lírica que arranca en setembro

A achega de ámbalas dúas institucións suma un incremento de 15.000 euros respecto á cantidade percibida o pasado ano, de maneira que cada unha aportará 30.000 euros

26/06/2024

Luisa Sánchez cos Amigos da Ópera

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, veñen de reafirmar o seu compromiso coa nova tempada lírica que arranca o vindeiro mes de setembro no Teatro Afundación. Así llo trasladaron os dous dirixentes á Asociación Amigos da Ópera de Vigo no transcurso dunha reunión celebrada na sede da institución provincial, á que asistiron o presidente Daniel Diz e o tesoureiro José Grobas.

Segundo informaron tras finalizar o encontro, a achega de ámbalas dúas institucións ascenderá ata os 60.000 euros, o que supón en suma un incremento de 15.000 euros respecto á cantidade percibida o pasado ano. Desta maneira, Deputación e Xunta contribuirán a partes iguais con 30.000 euros cada unha á nova programación operística viguesa que se estrea coa Gala Verdi o 19 de setembro.