A Deputación dá inicio este venres á 15ª edición das Noites de Música Antiga co concerto de Vestigium no claustro do Edificio Sarmiento

O ciclo completarase coas actuacións de La Bellemont o día 12 e Ars Longa o 19 de xullo

01/07/2024

Ars Longa

O claustro do Edificio Sarmiento será o escenario da 15ª edición dun ciclo habitual nos veráns do Museo de Pontevedra: as Noites de Música Antiga. Durante os próximos tres venres do mes de xullo actuarán tres formacións especializadas en música clásica composta antes de 1750: Vestigium, La Bellemont e Ars Longa. Todas as actuacións serán ás 19:00 h e en caso de chuvia trasladaranse ao salón de plenos da Deputación. Para acceder aos concertos, é necesario inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.

O ciclo arrancará este venres 5 de xullo coa actuación de Vestigium. Trátase dun trío formado por tres músicos españois residentes en Suíza: Eliot Xaquin Dios ao clavicémbalo, Ana Fernández Anguita, ao traverso e Andrés García Fraile á viola da gamba. O seu principal obxectivo é interpretar a música antiga dunha forma orixinal, persoal e atractiva para o público. Recentemente participaron no 26º Festival Telemann de Magdeburgo, o Festival FeMAUB de Úbeda e Baeza, o Festival Fringe de Utrecht, a International Young Artists Presentation (IYAP) de Amberes e o Festival Rosa do Mundo de Portimão. En 2023, obtiveron o primeiro premio na categoría de Música Antiga do concurso Juventudes Musicales de España, así como tres premios especiais.

O programa da súa actuación no Museo de Pontevedra consta de dúas partes: na primeira interpretarán pezas de Jean-Philippe Rameau, Arcangelo Corelli, Jean-Baptiste Forqueray e Luis-Antoine Dornel. Na segunda, soarán composición de William Babell, Michel Blavet, George Philipp Telemann e de Eliot Xaquín Dios, un dos membros de Vestigium.

12 de xullo: La Bellemont

O venres 12 de xullo será a quenda de Le Bellemont, o trío formado por Sara Ruiz na viola da gamba, Rafael Muñoz na tiorba e Laura Puerto no clavicémbalo. Foi definido pola crítica especializada como o ensemble español de referencia na interpretación da música francesa. Os seus discos ‘La voix de la viole’ e ‘Plaisir sacré’ acadaron distincións internacionais, como a candidatura aos International Clasical Music Awards. Actualmente preparan o álbum que pechará a súa triloxía discográfica sobre a música barroca francesa, dedicado ás suites para viola da gamba e baixo continuo de François Couperin.

En Pontevedra presentarán o programa ‘Le jeu parlant. A música como discurso sonoro na Francia barroca’, co que se aproximarán á escritura para viola da gamba de Marin Marais e François Couperin. A linguaxe retórica impregna todos os parámetros compositivos das obras que van interpretar, desde a estrutura xeral ata os máis pequenos ornamentos. Completa o programa unha composición para clavicémbalo de Louis Couperin.

19 de xullo: Ars Longa

O ciclo péchase o venres 19 de xullo con Ars Longa, unha formación con xa trinta anos de traxectoria, fundada en 1994 por Teresa Paz (soprano e dirección) e Aland López (arquilaúde e guitarra barroca). Completan a formación María Giménez (soprano), Andrea Trueba (mezzosoprano) e Tin Novio (tiorba e guitarra barroca). Ars Longa son a primeira e máis recoñecida agrupación especializada en Cuba na interpretación historicamente informada e un referente internacional na música antiga. Ao longo da súa traxectoria participou en multitude de concertos e festivais en Europa, Estados Unidos e América Latina, e publicou 15 discos de recrean obras do patrimonio musical cubano e hispanoamericano.

Na actuación que pechará as XV Noites de Música Antiga interpretará o programa ‘Do hábito ao canto’, que reúne unha selección de obras fundamentalmente extraídas da colección Sánchez Garza, conservada no CENIDIM en México. Esta colección provén do Convento da Santísima Trindade de Puebla de los Ángeles, un importante centro de actividade musical durante os séculos XVII e XVIII na Nova España. O repertorio inclúe obras de destacados compositores da época, como Francisco Vidales, Juan de Baeza Saavedra, Antonio de Moura ou Frei Jerónimo González de Mendoza.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.