AXENDA 2030

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra ten definida a súa estratexia cara a acadar os obxectivos da Axenda 2030 na provincia. A institución aplica en todas as accións de goberno a folla de ruta da ONU baixo unha serie de consideracións prioritarias: a provincia debe ser sostible e igualitaria, seguir un modelo de cohesión social xusto e impulsar unha economía produtiva e competitiva que favoreza o emprego de calidade.

No centro de todas as políticas están as persoas, porque esa é precisamente a principal finalidade da Deputación: mellorar a vida da veciñanza, sempre co cumprimento dun modelo sostible e con equilibrio no territorio. Para conseguir os obxectivos desenvólvense e prográmanse actuacións en diferentes ámbitos estratéxicos, como as seguintes:

  • Igualdade
    • A igualdade maniféstase como un eixe transversal na acción de goberno. O obxectivo irrenunciable é acadar unha sociedade coas mesmas oportunidades para todas e todos, na que non exista ningún tipo de discriminación por xénero ou calquera outra condición, e na que se erradiquen o machismo e a violencia contra as mulleres.
    • Esta prioridade impregna a acción en todas as áreas, desde a cohesión social e o emprego ata a educación, a cultura e o deporte.
    • A Deputación apoia ademais a diversidade en todas as súas manifestacións, reforzando para iso as medidas e as políticas que axuden a normalizar a vida destas persoas.
  • Despoboamento
    • O despoboamento é un grave problema en parte do territorio da provincia e cómpre dar resposta urxente a esta situación. A institución ten a obriga de achegarlle solucións a unha sociedade que envellece, trazando as liñas de acción destinadas a esas persoas de maior idade que necesitan unha atención diferenciada. Os programas e proxectos da Deputación abordarán esta problemática e terase en conta en todo momento este factor co obxectivo de favorecer o equilibrio poboacional e a mellora das condicións de vida en todo o territorio.
  • Mocidade
    • Do mesmo xeito, a institución provincial traballa para mellorar o futuro das mozas e mozos e contribuír a que desenvolvan o seu talento e conten con máis competencias e oportunidades. Por iso, é necesario adoptar novas políticas para unha xuventude que non atopa espazos para poder crear unha vida con dignidade e con dereitos.
  • Axenda ambiental
    • É imprescindible responder ante o imparable cambio climático, polo que a axenda ambiental figura entre as prioridades desta Deputación en consonancia coa transición ecolóxica. A institución súmase ás propostas da ONU e a todos os proxectos que sinalan os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Esta provincia terá pois un proxecto global e a axenda ambiental será un eixe transversal e prioritario.
    • A Deputación propón asinar a auditoría que presenta a Organización Mundial da Saúde para facer a transición ecolóxica, e quere que os concellos se sumen a este modelo. Nesta liña xa puxo en marcha unha alianza local á que progresivamente se están a adherir as localidades da provincia co obxectivo de alimentar sinerxías entre todas as administracións.
  • Mobilidade
    • A Deputación abandeira un modelo de mobilidade baseado na seguridade viaria e na sensibilidade coas e cos viandantes. É preciso avanzar na concienciación contra as emisións. Hoxe ninguén nega a necesidade urxente de construír cidades, vilas e aldeas amables e apostar por unha construción cun urbanismo humanista.
    • Esta Administración traballa cos concellos da provincia para atraermos recursos entre todas e todos que permitan este cambio urxente de paradigma urbano.
  • Turismo sustentable
    • A sustentabilidade ten que reflectirse tamén no modelo turístico. Efectivamente, o turismo é un sector estratéxico nesta provincia que representa en Galicia máis do 11 % do PIB, por iso a Deputación elaborou un Plan estratéxico de turismo 2017-2020, creou unha rede de oficinas (en colaboración cos concellos), mudou a política de promoción cara a unha estratexia baseada na desestacionalización e na calidade, creou liñas de emprendemento no sector (TURISTIC e a aceleradora de empresas), musealizou o castelo de Soutomaior e fará o propio no de Sobroso. Ademais, a institución está adherida á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España e forma parte da súa executiva.
    • O gran reto para os vindeiros anos é afondar na innovación e avanzar no camiño iniciado para que a provincia de Pontevedra sexa un destino internacional.
  • Economía
    • A economía da provincia debe ser sostible e ter en conta sempre a nosa realidade. Pontevedra está entre as 10 provincias españolas onde as pemes máis exportan, o 3’6 % de España (segundo datos do Ministerio de Economía de 2016), e no ano 2018 puxéronse en marcha 1.500 novas empresas segundo o Instituto Galego de Estatística. Hai músculo nesta provincia polo que temos que seguir a desenvolver proxectos para fomentalas e crear ferramentas que favorezan a súa implantación, como ocorre desde SmartPeme cos espazos de coworking, cos viveiros de Barro e Lalín e tantas outras liñas desenvolvidas.
    • A institución aposta por crear redes de crecemento económico sen esquecer que non hai economía posible sen respecto ao medio e aos dereitos das persoas.
  • Fondos europeos
    • Os fondos europeos son unha ferramenta moi valiosa para poñer en práctica os proxectos da Deputación que cumpran os obxectivos da Axenda 2030. Nesta liña crearase unha área de captación destes fondos que facilitará acadar todos os recursos posibles. Á hora de definir e levar adiante os proxectos buscarase sempre o acordo con todos os sectores implicados.
  • Contratación
    • Para apoiar o tecido produtivo a Deputación avanzará no seu procedemento de contratación co fin de incorporar criterios e prioridades ligadas a un modelo de crecemento sostible. A institución aposta por un modelo que potencie as pequenas e medianas empresas e que promova a igualdade e a sustentabilidade.
Fase 1: Análise e situación de partida

Para aproveitar a oportunidade que supón para a provincia a Axenda 2030, realizouse en 2019 un estudo do aliñamento dos programas postos en marcha ata ese momento no territorio.

Desde a Deputación de Pontevedra emprégase o enfoque local para ser global, abordando directamente as cuestións próximas onde existen problemáticas sinaladas polos ODS e influíndo a nivel global para transformar o mundo.

Abórdanse os 17 ODS marcados pola Axenda 2030, alcanzando 31 das metas definidas neles, aquelas ligadas ás competencias que como Deputación ten encomendadas ou que se alcanzan grazas a impactos derivados dos seus proxectos e alianzas.

Fase 2 - Desenvolvemento

A Deputación de Pontevedra entra no Consello de Goberno da Rede local para a Axenda 2030 e lanza a alianza local polos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible, para involucrar os concellos da provincia na Axenda 2030.

Nesta fase lévase a cabo a Folla de Ruta da Axenda 2030 da Deputación, que marca a dirección dos programas e actividades que desenvolverá esta institución

Fase 3: Capacitación

 Capacitación e formación de traballadoras e traballadores na implantación da Axenda 2030 e estudo da súa implantación nos municipios pequenos

Fase 4: Sensibilización

Nesta fase abórdanse actuacións de distinta natureza para promover o coñecemento, a sensibilización e a concienciación dos ODS da Axenda 2030 entre a cidadanía e as comunidades locais da provincia.

Neste esforzo pola difusión, cómpre salientar a incorporación dos ODS nos carteis de obras e servizos financiados pola Deputación ou a vinculación dos días internacionais coas metas e ODS, para que tanto a cidadanía coma os concellos da provincia se familiaricen con eles.