CULTURA

Nélida Piñón. A Mestizaxe dos Soños e o Corazón

Simposio

A Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro domingo 15 de decembro un simposio sobre a escritora Nélida Piñón en Cerdedo-Cotobade, concello do que é filla adoptiva, cando se fan dous anos do seu falecemento. Filla de nai brasileira con raíces en Cotobade e pai galego oriúndo do mesmo concello pontevedrés, da parroquia de Borela (onde viviu entre os dez e os doce anos), o pasado familiar foi clave na conformación dunha autora que sempre reivindicou a súa condición de galega e a lingua das súas e dos seus devanceiros e que mantivo unha relación coa provincia de Pontevedra.


O título proposto para o simposio, Nélida Piñón. A Mestizaxe dos Soños e o Corazón, é unha síntese dos temas e dos títulos máis destacados da súa traxectoria, dado que ela mesma se ergueu sempre como firme defensora da mestizaxe, onde a memoria se mestura coa fantasía. A república dos sonhos, a súa obra máis recoñecida, traduciuse ao galego, e A épica do coração é o título dunha das súas obras de ensaio e do discurso que pronunciou na recepción como académica de honra na Real Academia Galega. Ela mesma é unha mestizaxe de culturas, conxugando á perfección na súa obra a parte espiritual e imaxinativa coa máis terreal e chea de paixóns.

Data: domingo 15 de decembro de 2024, de 11.30 a 13.00 h

Espazo: Centro Cultural Antonio Fraguas, Carballedo, Cerdedo-Cotobade

Inscrición: participa.cultura@depo.gal

Interveñen:

  • Antonio Maura (Bilbao, 1953), escritor e crítico literario especializado en literatura brasileira, ex-director do Instituto Cervantes en Río de Xaneiro, asesor literario da Fundación Cultural Hispano-Brasileira e doutras institucións dedicadas aos estudos brasileiros. Foi director da Casa de Cultura Hispánica en Fortaleza (Brasil, 1982-1985), e dos centros culturais Buenavista e Conde Duque en Madrid; tamén redactor do diario ABC e da revista Blanco y Negro, entre outros. Ademais, participou e realizou numerosas conferencias, entrevistas e publicacións sobre Nélida Piñón.
  • M.ª Ascensión Rivas Hernández (Salamanca, 1963), catedrática de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Salamanca (USAL), publica artigos e críticas literarias na revista El Cultural; realizou e publicou diversos proxectos, coma Literatura, relaciones familiares y afectos. Aportaciones al estudio de la novelística biográfica actual; e é autora da edición da USAL Nélida Piñón en la república de los sueños.
  • Ramón Villares (Xermade, Lugo, 1951), catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela,  institución da que foi reitor de 1990 a 1994. Foi presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006 ata 2018. Na actualidade coordina a Sección de Historia da Real Academia Galega (RAG). Ademais, é autor de numerosas publicacións divulgativas e didácticas. Deu o discurso de resposta ao pronunciado pola propia Nélida Piñón no acto da súa recepción como académica de honra na RAG no ano 2014, que levou por título “A épica do coração”. 

Modera: Susana Pedreira, xornalista.

Amenización musical a cargo da pianista Andrea García. Ao remate servirase un pequeno ágape.