#CULTURA

Rías Baixas Acción

Patrocinios con entidades privadas no ámbito de producións audiovisuais

Dentro do ámbito competencial provincial, a Deputación de Pontevedra desenvolve diferentes liñas de apoio a actividades culturais, artísticas e de fomento do uso da lingua galega que teñen lugar na provincia.


As actividades de promoción do sector audiovisual revisten un especial interese tanto polo seu obxecto coma pola súa repercusión mediática nos medios de comunicación, debido a que a proxección de produtos audiovisuais implica unha programación de difusión en diferentes medios, televisión, cines ou festivais, que pode acadar, en certos casos e segundo o éxito do filme, proxección internacional, polo que é un medio especialmente idóneo para publicitar a provincia, de aí a importancia de apoiar economicamente estes eventos.

Asociar a imaxe da Deputación a este tipo de actividades levadas a cabo principalmente en escenarios localizados na provincia, que conta con numerosos recursos naturais e patrimoniais, impulsan o desenvolvemento económico e social do noso territorio, polo que encaixan cos obxectivos de promoción cultural e turística desta institución e supoñen importantes vantaxes de difusión en diferentes medios cun grande impacto global. Isto xustifica o interese do citado organismo no patrocinio de actividades coma estas na provincia de Pontevedra, a cal ofrece un escaparate único de promoción turística, social, económica e cultural.

Co fin de cumprir os obxectivos descritos, esta convocatoria revelouse, desde a súa primeira edición no 2021, un instrumento útil para o auxe do audiovisual galego rodado na nosa provincia; proba disto é a produción de 23 longametraxes e curtametraxes aquí rodadas e que contaron coa colaboración da Deputación.