#MOBILIDADE
Rede de Cidades que Camiñan
A Deputación de Pontevedra aprobou en xuño de 2020 a súa adhesión formal á Rede de Cidades que Camiñan. Trátase dunha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa “camiñabilidade”, cuxo obxectivo principal é que as e os viandantes sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público, filosofía que coincide coa da Rede Ágora.
O Departamento de Mobilidade ten asinado un convenio de colaboración coa Rede de Cidades que Camiñan para o desenvolvemento da Facultade Ágora.
Metrominuto
A Deputación de Pontevedra, grazas á participación na Rede de Cidades que Camiñan, vai elaborar “metrominutos” para todos os concellos Ágora que o soliciten.
O metrominuto é un mapa sinóptico deseñado cos códigos visuais dos mapas de metro que mide distancias e tempos camiñando entre os principais puntos centrais (servizos, prazas, parques, centros de barrio…) de cada vila ou cidade de calquera tamaño.
A súa finalidade é desdramatizar a cultura do camiñar, poñendo en evidencia a proximidade entre lugares recoñecibles, ademais de resaltar a importancia de ir construíndo cidades compactas, densas e diversificadas, onde as necesidades da vida cotiá poden resolverse en traxectos curtos a pé.